CULTURA

Disco Las Palmeras! estrea no Compostela Rock "Asfixia", o seu terceiro disco

21/05/2015 Os lucenses Disco Las Palmeras! estrean o seu terceiro disco na Zona C acompañados polos ourensáns Monstruo. Despois de dous discos aplaudidos por crítica e público Disco Las Palmeras! lánzanse á aventura coa súa terceira entrega, Asfixia, que promete ser unha das sensacións do ano. Será este, venres 22, ás 20:30 horas, dentro do ciclo Compostela Rock. As entradas (7 € anticipada e 10 € no dia do concerto) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h), en Ticketea e na Reixa Tenda, e xa o propio día do concerto na Zona C.

Disco Las Palmeras! conseguiu facer un terceiro longo inmenso, moi actual, onde a furia da música e a rabia das letras mergúllante no seu universo; o que fixo dela unha das bandas máis especiais que temos. Un álbum moi completo, onde as voces adquiren moito máis protagonismo que en etapas anteriores e no que se inclúen instrumentos como sintetizadores, chelo, ou zafia. Ademais, colaboraron Javier Molina, de Juventud Juché, e Dani Lüger aos coros.

Producido por Carlos Hernández (Los Planetas, Triangulo de Amor Bizarro) en Studio B, o estudo de gravación de Bernardo Calvo, en Madrid, Asfixia é un disco que reúne a forza dun directo incrible, co mundo lírico de Diego Castro; un disco que transita entre a angustia dos soños e a crueza da realidade contemporánea.

Disco Las Palmeras! é unha banda nada a finais do ano 2009 na área xeográfica do interior galego, entre Santiago de Compostela e Sarria. Actualmente está formada por Diego Castro (voz e guitarra), Julián L. Goicoa (guitarra) e Martiño Salgado (batería).

Grazas aos seus dous primeiro álbums Nihil Obstat e Ultra –sinalados pola prensa como uns dos máis destacados nos seus respectivos anos de lanzamento e editados pola discográfica galega Matapadre– a banda convértese nunha das máis recoñecidas e con mellor directo de todo o país. Actúan en importantes festivais como Primavera Sound, Sonorama, Portámerica, Sereas e Piratas ou Arteficial.

Os ourensáns Monstruo acompañan aos de Lugo para achegar o seu ruidismo e querenza polos hits punk inmediatos. De Hüsker Dü aos Pixies, pasando por Nirvana, esta é a viaxe sonora que expoñen os catro integrantes da formación, parte dos fundadores ademais de Porno, uns dos colectivos musicais máis interesantes da escena subterránea galega.

Compartir: