CULTURA

Estrea absoluta no Principal de "No hay trabajo para un payaso viejo", incluída no Bono de Teatro Galego e Portugués

21/05/2015 A compañía coruñesa Cámara Negra Teatro celebra a estrea absoluta de No hay trabajo para un payaso viejo dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Será os días 22 de maio e 23 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Estas funcións foron presentadas nunha rolda de prensa na que participaron o director, Carlos Álvarez-Ossorio, e os actores Paco Luna e Alfonso Hierro-Delgado.

No hay trabajo para un payaso viejo enfróntanos ao fracaso, á humillación, á fame, á necesidade de sobrevivir, ao lugar que ocupan na nosa sociedade os inútiles, os que xa non serven para nada, os que ninguén quere, os desfeitos sociais. Todo isto aflora nesta traxicomedia negra e descarnada do autor romanés Matei Visniec, que nos serve de espello da nosa sociedade, e na que tres pallasos terán que pelexar por un posto de traballo, máis alá da amizade, da dignidade e da moral.

As entradas poden retirarse co Bono ou mercarse soltas. Nese caso o prezo é de 10 euros e poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Cámara Negra é unha compañía teatral que leva máis de quince anos montando textos de Shakespeare, Chejov, O’Neill, Müller, Ibsen, Koltés ou Dostoievski, sempre dende un compromiso claro co teatro contemporáneo. As súas montaxes viaxaron ao longo de todo o territorio español, ademais de actuar en Cuba, Francia e Alemaña, e recibiron polo seu traballo numerosos premios, entre os que caben destacar un Premio da ADE (Asociación de Directores de Escena de España), un Premio Telón Chivas e un Premio MAX.

Alfonso Hierro-Delgado pasou primeiro polo Centro Andaluz de Danza e posteriormente por l’École de Danse de Genève. Traballou en compañías de Suíza, Alemaña e Austria, coma o Ballet Junior de Genève, Landestheater Linz, Tiroler Landestheater, Staatstheater Darmstadt, Stadttheater Giessen, Stadttheater Fürth ou Theater an der Rott. Bailou coreografías de Patrick Delcroix, Stijn Celis, Dominique Bagouet, Antonio Gomes, Jean Renshaw, Johann Kresnik e Jochen Ulrich entre outros. E traballou como coreógrafo para algunhas obras de teatro e tamén como dramaturgo, asistente e bailarín xunto ao coreógrafo Daniel Morales Pérez na compañía Tanz Bei Mir, de Austria.

Paco Luna é actor diplomado polo Centro Andaluz de Teatro (CAT), na rama de Interpretación. Ten unha longa experiencia en teatro, cine e televisión, onde traballou xunto a Lina Morgan. En cine, actuou en longametraxes como K, la escalera india, de Jesús Carlos Salmerón; Astronautas, de Santi Amodeo; El traje, de Alberto Rodríguez; ou Reflejos, de Miguel Angel Vivas, ademais de en multitude de curtametraxes. En teatro, traballou con Jean Daniel Laval, director do Teatro da Raíña de Versalles, interpretando o Don Juan de Molière, ademais de con numerosas compañías alternativas. Tamén pertence ao grupo Os Reverendos e realiza monólogos cómicos.

Carlos Alvarez-Ossorio dirixiu, entre outros, o Centro Andaluz de Teatro, a Convención Teatral Europea, a Rede de Teatros Alternativos e o Festival de Teatro Clásico de Mérida, obtendo numerosos premios polas súas montaxes, como un Premio MAX, o Premio José Luis Alonso da Asociación de Directores de Escena de España, un Premio Telón Chivas e o Premio Jara do Teatro Profesional Estremeño ao Mellor Director. As súas montaxes viaxaron por toda España, por Francia, Cuba, Grecia, Alemaña ou Malta. Como actor, traballou con compañías como TNT, Teatro del Rastro e Sala Yago Producciones, obtendo en 2004 o Premio ao Mellor Actor na Mostra de Teatre de Barcelona.

Compartir: