TURISMO

O Mercado de Abastos acolle dous obradoiros gratuítos de cociña para nenos

21/05/2015 A Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acollerá dous obradoiros gratuítos de cociña para que os máis pequenos comecen a adentrarse no mundo da cociña dun xeito fresco, divertido e saudable. Os obradoiros, impartidos polos profesionais do taller de cociña compostelán Hello Cooking, enmárcanse dentro das actividades de promoción do Mercado de Abastos, que contan coa colaboración do Concello.

Os dous obradoiros celebraranse os sábados 23 e 30 de maio, de 11:00 a 13:00 horas. Poderán participar nenos de entre 6 e 12 anos. Cada obradoiro terá un límite de 30 prazas, que serán cubertas por onde de inscrición, que pode facerse no propio Mercado de Abastos ou no teléfono 981 583 438, en horario de 07:00 a 15:00 horas.

O obradoiro deste sábado 23 titúlase "Sandwiches ricos e orixinais". Os rapaces aprenderán a preparar tres sandwiches con ingredientes variados e distintos tipos de pan. O primeiro sandwcich será de aguacate, pavo e maionesa lixeira en pan de molde integral. O segundo de cangrexo, maionesa, leituga e tomate en pan de pita. E o terceiro de atún, millo, maionesa e ovo cocido en pan de molde con cereais.

No obradoiro do sábado 30 aprenderán a facer "Tacos e faxiñas mexicanas". Así os rapaces comezarán a ter contacto con outras gastronomías con gran diversidade de pratos. Os pequenos prepararán faxiñas de polo cocido, xuliana de hortalizas, tomate, leituga e salsa de chiles; e tacos vexetarianos con salsa valentina.

Toda a información sobre o Mercado de Abastos de Santiago está dispoñible na súa páxina, mercadodeabastosdesantiago.com. Ademais, poden seguirse as súas contas en redes sociais, tanto en Facebook como en Twitter.

Compartir: