CULTURA

Os xaponeses Mono presentan os seus últimos traballos no Teatro Principal dentro do ciclo Compostela Rock

06/05/2015 Os nipóns Mono, unha das pezas clave da música instrumental actual, incluirán de novo a Galicia no seu tour mundial que están a levar a cabo para presentar os dous albumes que lanzaron ao mesmo tempo hai uns meses. Será este xoves, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Compostela Rock. No concerto estarán acompañados pola estadounidense Helen Money.

Os traballos que presentan, The Last Daw e Rays of Darkness, son cara e cruz, luminosa e escura, respectivamente, dunha nova etapa para esta histórica formación, agora desprovista da orquestración típica de banda sonora orixinal que a acompañara ata hai ben pouco. Mono son mestres sen igual de contar historias e transmitir emocións sen usar palabras, o seu lugar non podía ser outro que o Teatro Principal.

Helen Money
Armada só co seu violoncello e algúns enxeños de son, a estadounidense Helen Money acompaña aos nipóns na súa xira. Esta activa militante do underground norteamericano ten bebido tanto do rock alternativo, coma do rock de vangarda, a música contemporánea ou o doom de última xeración. Avalada polas súas colaboracións con artistas de primeira liña e de todo tipo coma Bob Mould, Broken Social Scene ou Joe Lally (Fugazi) ou ter sido escollida por Portishead e Shellac para dous festivais ATP, a súa traxectoria queda patente no seu último álbum, Arriving Angels, e un memorable set que promete.

As entradas teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no teléfono 902 434 443 ou na web entradas.abanca.com.

Compartir: