ALCALDÍA

Entregados os Premios Vitrales de poesía e relato curto

06/05/2015 O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu a entrega dos Premios Vitrales de poesía e relato curto, convocado polo Colexio Maior La Estila. O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu a cerimonia.

Neste certame literario, que vai xa pola súa segunda edición, presentáronse 57 traballos entre as dúas modalidades do concurso: relato curto e poesía, elaboradas por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos tanto en galego coma en castelán. Na modalidade de poesía, o gañador foi Cristóbal Santiago Fraga, mentres que o segundo e o terceiro premio recaeron, respectivamente, en Belén Quinteiro e Antón Blanco. En relato curto, a triunfadora foi Lola Antía Reino, seguida de Francisco Javier Sanmartín e de Cintia María Pedrosa.

O alcalde aproveitou o acto para destacar a contribución do Colexio Maior La Estila durante máis de seis décadas a "manter unha educación de calidade, comprometida coa sociedade e aberta á participación". "A convocatoria deste premio de poesía e relato curto demostra esa vocación de implicarse nunha educación integral, que vai máis alá das propias aulas e que se estende en actividades formativas e creativas para beneficio do conxunto da cidadanía", indicou.

Con estes premios, en palabras de Agustín Hernández, "o Colexio Maior La Estila incentiva a capacidade artística, fomenta a creación literaria nas dúas linguas de Galicia e ofrece unha oportunidade magnífica para animar e dar a coñecer a obra de persoas mozas, para as que non sempre é doado atopar canles axeitadas para que o seu traballo transcenda".

Compartir: