ALCALDÍA

Hernández presidiu a reunión entre o equipo que revisa o Plan Especial do Casco Histórico e as asociacións implicadas

06/05/2015 O salón verde do Concello acolleu esta tarde o encontro, presidido polo alcalde, Agustín Hernández, entre representantes da empresa encargada da revisión do Plan Especial do Casco Histórico, Estudio Thurban S.L., e as diferentes asociacións da cidade implicadas neste proxecto, como a Asociación de Hostalería, Compostela Monumental, a Asociación Cidade Vella, a Asociación de Veciños de Compostela Vella, a Asociación Cultural San Martiño Pinario e a Asociación de Guías de Turismo.

Durante a reunión, na que os representantes da empresa expuxeron ante as asociacións os principais datos recadados ata o momento e mantiveron un intercambio de impresións, o alcalde, Agustín Hernández, salientou o interese do Concello por "facilitar unha información e un diálogo permanentes cos colectivos máis implicados nestes traballos, que van trazar o futuro da zona vella para facer da residencia un motivo central da súa preservación e consolidación".
A revisión do Plan trata de conseguir un instrumento actualizado e adaptado ás necesidades reais que permita xestionar de forma adecuada o principal activo patrimonial, turístico e económico, para darlle resposta ás novas esixencias que se formulan neste ámbito.

"A nosa intención é axilizar ao máximo a redacción deste documento, e conseguir que os seus resultados sexan froito do diálogo coa cidadanía e cos colectivos directamente implicados na vida da cidade", sinalou o rexedor.

Para conseguilo, dende o Concello estanse poñendo en marcha varios mecanismos de seguimento dos traballos, entre os que destacan unha comisión executiva de carácter fundamentalmente técnico que se reúna como mínimo unha vez ao mes co equipo redactor e unha comisión de participación que se convoque cada tres meses e na que estean representados, ademais das asociacións, os diferentes sectores e institucións da sociedade compostelá implicados de forma máis directa nestes traballos, coma o Consorcio, a Xunta, a Universidade, a Igrexa ou a Cámara de Comercio.

Con estas medidas búscase que haxa un seguimento permanente do proxecto e garantir a comunicación e a participación, mediante unha Comisión, pero tamén por medios tecnolóxicos, mediante xornadas específicas con colectivos, a través do traballo con centros educativos e co diálogo entre os diferentes actores implicados neste proceso.

Agustín Hernández resaltou que se trata de "poñer todos os recursos posibles para acertar á hora de pechar un documento que manteña a súa vixencia por moitos anos, que mellore as condicións e as perspectivas do Casco Histórico e que se adapte á verdadeiras necesidades dos residentes e de todos aqueles usos e actividades que se precisan para reactivar e darlle futuro a unha zona que é vital para o conxunto da Cidade".

Compartir: