ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "boa noticia" a evolución do paro en abril, que sitúa a cidade por debaixo dos 8.000 desempregados

05/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, expresou a súa satisfacción polos datos do para do mes de abril, no que a cidade se situou por debaixo dos 8.000 desempregados. Este foi o mes de abril de maior descenso na serie histórica.

"Seguindo na liña de descenso que comezamos co inicio do ano, no mes de abril tivemos 905 desempregados menos que en abril de 2014 e arredor de 2.000 menos que na mesma data de 2013, apuntou o alcalde. Así, en abril deste ano estaban rexistrados 7.836 parados, fronte aos 8.741 de 2014 e os 9.771 de 2013.

Respecto ás cifras deste ano 2015, Hernández salientou que "por primeira vez, baixamos dos 8.000 parados. En relación a marzo, rexistramos 253 parados menos, o que supón unha redución do 3,13%".

A evolución no mes de abril en Santiago continúa sendo mellor que en Galicia e que no conxunto de España, tal como ven sucedendo dende mediados do 2013. O descenso en abril en Santiago foi do 3,13%, mellor que o 2,93% que baixou en Galicia e do 2,7% que baixou en España. En termos interanuais, o comportamento da cidade tamén é mellor tanto ao de Galicia como ao de España. En Santiago o descenso deste abril con respecto a abril do ano pasado é do 10,35%, fronte ao 9,40% de Galicia e ao 7,51% de España.

A previsión é que nos vindeiros meses continúe o descenso no paro na cidade. Os bos datos de Semana Santa dende o punto de vista turístico prevén unha temporada turística alta que continúe coa recuperación do sector que comezou o ano pasado e que pode convertirse nunha fonte de creación de postos de traballo e de dinamización da economía local.

Dende o Concello de Santiago quere facerse unha valoración positiva pero prudente destes datos do mes de abril, como se ven facendo dende o comezo da recuperación económica da cidade. Trátase dun dato positivo que mostra a forza crecente da recuperación da economía de Santiago, pero ao mesmo tempo amosa que hai un número importante de persoas que están vivindo situacións persoais moi difíciles na cidade.

Compartir: