ALCALDÍA

Auryn, Kusturika, La Pegatina ou Kitty, Daisy & Lewis, algúns dos nomes destacados dunhas Festas da Ascensión con propostas para todos os públicos

05/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Cultura, María Antón, presentaron o programa das Festas da Ascensión, que se celebrarán do 13 ao 17 de maio. O calendario ofrece unha ampla gama de propostas, na que destaca a presenza de nomes como Auryn, Emir Kusturika, La Pegatina, Kitty, Daisy & Lewis, Moreno Veloso ou Guadi Galego.

O programa deste ano, en palabras de Agustín Hernández, inclúe "diversas actividades para todos os públicos, como concertos, teatro, mostras do folclore ou pasarrúas". Apuntou que tres localizacións acollerán a maioría dos eventos: a praza da Quintana, para os concertos; a Alameda, como espazo de recreo para nenos e mozos; e o Recinto Feiral de Amio, escenario do espectáculo cabalar e da Festa dos Maiores.

As Festas da Ascensión arrancarán o mércores 13 de maio. Ese día celebrarase a III Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia e a orquestra Combo Dominicano actuará na Alameda. O prato forte musical desta xornada será o concerto de La Pegatina na praza da Quintana, con entrada libre.

Día da Ascensión
O xoves 14, Día da Ascensión, abrirase pola mañá co tradicional Concurso Cabalar no Mercado de Gando de Amio. Xa pola tarde, haberá títeres para os máis pequenos, a Carreira Ciclista Festas da Ascensión e unha actuación especial da Banda Municipal de Música e do Cantorum Compostellana Coniunctio na praza de Praterías.

Esta xornada terá outra proposta musical da man do programa Folk na rúa, con actuacións de diferentes agrupacións folclóricas da cidade en varias prazas do Casco Histórico. Os máis novos terán unha cita na Quintana, tamén con entrada libre, no Santiago 40 Pop, festival que terá como cabeza de cartel ao grupo Auryn. Ese día, na Alameda, actuará a orquestra París.

As Festas continuarán o venres 15 cunha completa Xornada de Cultura Urbana na praza Roxa.Títeres, obradoiros infantís, inchables, o habitual torneo de chave e o Anda Ya Show configuran o calendario dun día que rematará no musical con outro dos concertos máis destacados, o de Kitty, Daisy & Lewis na praza da Quintana, con entrada libre. Na Alameda, vez para a orquestra Capitol.

Festa dos Maiores e Kusturika
O sábado 16 é o día reservado para a XVII Festa dos Maiores, que un ano máis se celebrará no Recinto Feiral de Amio. Ademais de varias propostas deportivas en forma de ciclismo, chave e atletismo, a xornada inclúe o programa A Primavera o Ensanche altera, unha festa do comercio con descontos, actuacións, xogos, premios e moitas sorpresas. O epicentro deste programa estará na praza Roxa.

Esta xornada será moi teatral, pero tamén moi musical, cun concerto do Cuarteto Mendelssohn de BP encadrado no Festival de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio, e coa actuación de varias corais nas prazas da cidade. O día concluirá ao grande coa actuación de Emir Kusturika & TNSO na praza da Quintana, con entradas a 15 euros en venda anticipada e a 20 euros o día do concerto. Na Alameda, o baile amenizarao a orquestra América.

As Festas da Ascensión rematarán o domingo 17 coincidindo este ano co Día das Letras Galegas. Con este motivo, a Banda Municipal e Lamas, Vaamonde e Romero ofrecerán ao mediodía un concerto especial na praza da Quintana. Xa pola noite, no mesmo escenario, concerto de Moreno Veloso e Guadi Galego, con entrada libre.

Documentos relacionados



Compartir: