ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca na apertura da Feira do Libro o papel de Santiago como capital cultural e referente das letras galegas

01/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á apertura da XXXIV Feira do Libro, que se celebra do 1 ao 10 de maio no paseo central da Alameda. As 11 casetas desta edición abren en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Nas xornadas festivas e de fin de semana, o horario da mañá prolongarase ata as 14:30 horas.

Esta Feira do Libro de Santiago, en palabras de Agustín Hernández, "axúdanos a lembrar a vocación de Compostela como cidade literaria e universitaria", unha cidade que "mantén co libro unha especial afinidade que evocan as súas librarías –de libros novos e vellos- os seus cafés literarios, as editoriais, as bibliotecas públicas e os moitos escritores e lectores que se atopan entre a veciñanza de Santiago".

O alcalde lembrou o protagonismo histórico de Compostela na elaboración e difusión de publicacións. "Mesmo durante os séculos XVI e XVIII chegou a converterse nun verdadeiro centro da imprenta en Galicia, como afirmou nun artigo Xosé Filgueira Valverde, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras galegas e quen, entre outras moitas facetas, foi un gran amante dos libros", indicou.

É por isto polo que, segundo o rexedor municipal, "Santiago, como capital cultural e referente das letras galegas, ten a obriga de manter e impulsar o seu legado histórico, ensaístico, poético e narrativo, estreitamente ligado á actividade editorial".

"Cando a permanencia do libro, o hábito da lectura e a actividade comercial das librarías atravesan unha situación de especial dificultade, cando se cuestionan os libros de papel e o papel dos libros, é preciso reivindicar e promover a importancia que os libros teñen para o saber e para a formación das persoas", apuntou Hernández, destacando o papel que as institucións públicas deben xogar para incentivar "a lectura e o amor pola palabra escrita".

Neste marco, salientou o papel de da Feira do Libro, que "incide no fomento da lectura, e agardamos que repercuta tamén na reactivación de vendas no sector e na recuperación do importante papel do libro e do libreiro na nosa sociedade". Porque os libros, dixo, "representan a diversidade humana, achegan o coñecemento, afastan os prexuízos, axúdannos a viaxar polo tempo e polo espazo e fannos máis sensibles, máis imaxinativos e, sobre todo, máis libres para opinar e para decidir".

Durante a súa visita á Feira, o alcalde mercou a guía Camino de Santiago: relaciones geográficas, históricas y artísticas.

25 actividades ata o 10 de maio
A Feira do Libro de Santiago arrancou este venres coa actuación da Banda Municipal de Música. A continuación, Manuel Portas pronunciou o pregón inaugural e asinou exemplares do seu novo libro, Amor en alpargatas.

Durante o resto de xornadas, celebraranse ata 25 actividades diferentes de xeito paralelo á propia mostra. Así, haberá presentacións de libros, sinaturas de exemplares, contacontos, coloquios, teatro infantil, proxeccións audiovisuais ou diversos obradoiros.

Na Feira estarán escritores como Xosé M. Lobato, María López Sandez, Concha Blanco, Dani Padrón, Xurxo Souto, Sechu Sende, Alejandro Mínguez, María Xosé Queizán, Antonio Reigosa, Mercedes Leobalde, Elena Gallego, Lucio Martínez, Fran P. Lorenzo ou Carlos Labraña, entre outros.

Compartir: