NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística promove un obradoiro de rap e regueifa

01/05/2015 A asociación ORAL de Galicia (Oralidade, Rima, Arte e Lingua de Galicia), en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Santiago, organiza un obradoiro de rap e regueifa que se celebrará a partir do vindeiro luns, 4 de maio, co alumnado do bacharelato de artes do IES Antonio Fraguas.

O obradoiro conta con tres sesións de dúas horas cada unha, que terán lugar o luns 4 entre as 11:30 e as 13:30 horas, o martes 5 entre as 16:00 e as 18:00 horas e o martes 19 de 16:00 a 18:00 horas. A primeira das sesións, por conta de Josiño da Teixeira, tratará de regueifa; a segunda, a cargo de Thomas Dylan, de rap, e a terceira combinará as dúas formas e contará con outros dous artistas convidados para as demostracións.

O contido do obradoiro partirá da explicación sobre as características e a historia das dúas disciplinas para coñecer en directo como se constrúen as pezas e realizar prácticas ao respecto.

Esta actividade pretende amosar a vitalidade e rendemento da lingua galega para as formas de improvisación oral e chamar a atención do estudantado sobre o uso do galego nas súas expresións creativas.

Compartir: