XUNTA DE GOBERNO

O Concello incrementa nun 48% o importe total destinado ás bolsas de comedor escolar para o curso 2015-2016

30/04/2015 A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar para o curso 2015/2016, dirixidas ao alumnado de centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir da publicación da convocatoria no BOP.

O importe destinado a esta convocatoria é de 130.000 euros, que poderá ser incrementado conforme ás necesidades e ás dispoñibilidades orzamentarias. Segundo indicou o alcalde, Agustín Hernández, esta achega "supón un incremento dun 48,5% sobre o consignado no curso anterior (87.500 euros) e ten como finalidade lograr que todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima requirida sexan atendidas, evitando a lista de espera que se tiña producido en anos anteriores". Para o curso actual concedéranse 148 bolsas de comedor.

Lembrou que estas bolsas de comedor son de dous tipos: as chamadas "asistenciais" cun importe de 80 euros/bolsa ou un 80% do prezo do comedor cando este sexa inferior a esa cantidade; e as chamadas de "conciliación", cun importe fixo de 40 euros/mes.

Estas axudas, explicou, "teñen como finalidade favorecer a integración socio-laboral dos pais, nais e titores e a inclusión social dos menores, apoiando a aquelas unidades familiares que, por escaseza de recursos económicos, non poden facer fronte ao custo do servizo de comedor, así como para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral".

Documentos relacionados



Compartir: