XUNTA DE GOBERNO

A avenida Quiroga Palacios contará con renovadas beirarrúas, máis pasos de peóns e novos elementos de protección

30/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a adxudicación pola Xunta de Goberno das obras de renovación da avenida Quiroga Palacios, desde a avenida de Lugo ata a rúa de Belvís, nas inmediacións do Seminario Menor. Os traballos terán un custo de 546.614 euros e un prazo de execución de seis meses.

Esta actuación, indicou Hernández, "vai supoñer unha mellora substancial para unha rúa con evidentes deficiencias, que lle afectan ao estado do pavimento das beirarrúas, á escaseza de pasos de peóns e á ausencia de elementos de protección nas proximidades das escaleiras existentes no seu trazado".

Por esta razón, realizarase un novo reparto das áreas para a circulación de vehículos -cunha sección que potencia o tránsito peonil-, a adecuación das áreas próximas ás escaleiras, a ampliación en número e ancho dos pasos para os peóns e unha mellora dos vaos para o acceso de vehículos aos edificios.

"A actuación supón unha mellora ambiental, conservando as árbores que presentan un bo porte e coa plantación de novos exemplares ornamentais (liquidámbar) a ambos os dous lados da rúa. Con ese fin, ampliaranse os alcorques existentes e crearanse outros novos", apuntou o alcalde.

Soterramento da liña eléctrica
Ademais, engadiu, a liña de eléctrica destinada á iluminación pública será soterrada, aproveitando o levantamento dos pavimentos, que se repoñerán con novas baldosas de terrazo e bordes de granito nas beirarrúas, lastras de terrazo nas zonas de aparcamento e lousado continuo de formigón na zona de tránsito dos vehículos.

No relativo ás condicións de aparcamento, contémplase a eliminación da liña de aparcamentos no tramo máis estreito da rúa (entre o convento de Belvís e o Seminario) e manteranse dúas liñas de estacionamento no resto do trazado (no que se atopan os edificios residenciais). Así, disporase dun mínimo de 48 prazas de aparcamento, das que dúas serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

O mobiliario existente vaise reutilizar, polo que se manterán as paradas de autobús e os bancos actuais.

Hernández comunicou que a empresa adxudicataria desenvolverá un plan de comunicación co fin diminuír no posible a afección aos cidadáns destas obras. Así, haberá unha enxeñeira encargada de informar ás persoas afectadas, colocarase unha caseta informativa e realizaranse outras actuacións de carácter técnico en materia de sinalización, seguridade e accesibilidade.

Tal como lembrou o rexedor municipal, estas obras, incluídas no Programa Urbana Santiago Norte que contan con financiamento europeo, "véñense a sumar a outras melloras coas que se tenta recuperar o valor de espazo publico das rúas nesta zona da cidade, como as rematadas na rúa de San Pedro, as que se están a ultimar na rúa de Basquiños ou os propios accesos a esta zona da Almáciga dende o contorno de Basquiños e do convento de Santa Clara".

Documentos relacionados



Compartir: