DEPORTES

A carreira nocturna SantYaGo10K conta xa con máis de 1.800 inscritos

29/04/2015 A concelleira de Deportes, María Corral, presentou o circuíto homologado da carreira nocturna SantYaGo10K, prevista para o sábado 9 de maio, unha vez que este recibiu a verificación da Federación Española de Atletismo. A proba pasará por varias das rúas principais do Casco Histórico e do centro da cidade, para rematar na praza do Obradoiro. A día de hoxe, a carreira xa conta con 1.830 inscritos

A saída será o sábado 9 de maio, ás 22:00 horas, dende a avenida de Xoán XXIII. A carreira, de dez quilómetros, consistirá en dúas voltas a un percorrido que discorrerá por rúas como Fonseca, a Alameda, Virxe da Cerca ou Praterías, tocando rúas da zona nova como Xoán Carlos I, Rosalía de Castro ou Montero Ríos, para volver á zona vella ata a meta da praza do Obradoiro. É un circuíto practicamente chan, sen grandes dificultades.

Asegurará a boa marcha da carreira un dispositivo formado por preto de 200 persoas, entre efectivos de Policía Local, Policía Nacional, Cruz Vermella, Protección Civil, persoal municipal e voluntarios. Ademais, un servizo de fisioterapeutas, os servizos de urxencias sanitarias e os ciclistas do Club Os Gaiteiros Non Paran velarán polos corredores ao longo do percorrido.

Haberá dous puntos de avituallamento, un na meta e outro á metade do percorrido, á altura da Oficina de Turismo de Santiago da rúa do Vilar. Tamén se habilitará un servizo de gardarroupa e preparouse unha serie de actividades de animación ao longo do percorrido.

Todos estes detalles foron ofrecidos nunha rolda de prensa na que, ademais da concelleira de Deportes, María Corral, participaron Pedro Sánchez e Vicente Piñeiro, do Club de Atletismo Fontes do Sar; e os padriños da proba, os atletas Esther Pedrosa e Carlos Casal. Os dous corredores destacaron o atractivo da proba e o convencemento nun éxito que permita asentar esta carreira no calendario atlético.

Inscrición aínda aberta
A data e a hora da carreira (22:00 horas) están pensadas para incentivar tamén que participantes e os seus amigos e familiares procedentes doutros lugares de Galicia e España poidan pasar unha fin de semana na cidade, unindo deporte e turismo. As inscricións para SantYaGo10K poden realizarse a través de dúas canles: na páxina web do evento, www.santyago10k.es, ou presencialmente, nas recepcións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel.

Aínda está aberta a inscrición, que xa conta con 1.830 participantes, unha cifra que fala do éxito e do atractivo desta nova carreira. De feito, por motivos organizativos, a inscrición pecharase cando se alcancen os 2.000 inscritos.

A recollida de dorsais realizarase o venres previo (de 10:00 a 22:00 horas no Centro Comercial As Cancelas) ou o mesmo sábado da carreira (de 10:00 a 19:00 horas na praza do Obradoiro). Cada corredor recibirá como agasallo unha camiseta do evento e unha bolsa con diverso material promocional.

Premios
Haberá premios en metálico para os tres primeiros na clasificación xeral, así como trofeos para os primeiros de cada categoría (júnior, promesa, sénior e veteranos) e para os primeiros empadroados en Santiago.

Tamén se entregarán outros premios especiais para fomentar a participación de grupo e animar o turismo. Así, premiarase á empresa, asociación ou club con maior número de participantes que completen os dez quilómetros, e tamén á que teña o maior número de mulleres que acaben a carreira. En ambos casos, o premio será de 150 euros.

A estes galardóns hai que sumar o destinado ao corredor que proceda de máis máis lonxe e outro para a persoa de máis idade. Neste caso os premios serán de 50 euros e un trofeo conmemorativo.

Carreira solidaria
SantYaGo10K ten tamén unha vocación solidaria que quere amosar o espírito social e colaborativo dos afeccionados ao running. Todos os participantes na carreira poderán entregar alimentos non perecedoiros no momento de recoller o seu dorsal. Os alimentos que se recollan doaranse ao Albergue Xoán XXIII, proxecto social da Orde dos Franciscanos en Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: