ALCALDÍA

Monicreques xigantes protagonizaron unha innovadora versión de "Romeo e Xulieta" coa Real Filharmonía de Galicia

25/04/2015 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebrou un concerto familiar na Cidade da Cultura, baixo a dirección do mestre romanés Mihnea Ignat. A formación estivo acompañada nesta ocasión da compañía Títeres Per Poc para representar fragmentos de Romeo e Xulieta. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, achegouse ata o Museo Centro Gaiás para asistir ao concerto.

A orquestra interpretou fragmentos de Romeo e Xulieta, do compositor ruso Sergei Prokofiev (1891-1953), baseada na historia de William Shakespeare. Os músicos estiveron acompañados por unhas marionetas de gran formato, da compañía catalá Títeres Per Poc. Neste caso realizouse unha adaptación para narrador da obra de Shakespeare e os títeres desenvolven a acción sobre a música descritiva de Prokofiev, que dá en cada momento a tensión dramática das escenas.

Nesta versión interdisciplinar de Romeo e Xulieta, de marcado acento poético, a música, os marionetistas e a narración traballan en sintonía para ofrecer unha proposta inédita da traxedia amorosa por excelencia en Occidente. Trátase dunha versión contemporánea, dirixida a todos os públicos, con toda a forza do teatro visual, cunhas marionetas construídas con teas, de diferentes texturas e cores, que teñen uns movementos suaves e lixeiros pero tamén con moita forza e carácter.

A compañía de monicreques Per Poc traballou oito anos para crear este espectáculo. Crearon uns monicreques xigantescos e lixeiros cuxas texturas e cores prevalecen sobre a expresión facial. Son moi dinámicos e, por tanto, capaces de marcar o ritmo e a tensión dos feitos que conducen ao tráxico final.

O resultado deste espectáculo é unha proposta moi visual, onde a principal protagonista é a música. Os monicreques encárganse de ilustrar a historia para explicar o argumento e mostrar outras formas de traballar coa música clásica. Durante todo o espectáculo, orquestra, música, actores e monicreques interrelaciónanse, mesmo facendo de escenografía a propia orquestra. Para narrar esta historia, Per Poc elixiu 15 temas, dos 52 que compoñen a partitura de Prokofiev.

Uns monicreques moi particulares
A compañía Per Poc propón uns monicreques realizados nunha técnica mixta de marote (na que as mans do boneco son substituídas polas propias mans do manipulador) e bunraku (variedade do teatro xaponés de monicreques do inicio do período Edo, hai uns 400 anos. Estes bonecos viven grazas a Tayu, o narrador, o músico que toca o Shamisen, un instrumento de corda tradicional xaponés e os titiriteiros, manipuladores dos monicreques). O seu tamaño vai dende os 2 aos 4 metros de altura e constrúense sobre a base de teas para que sexan lixeiros e suavemente manipulables, como se fosen bailaríns.

As diferentes texturas e cores dos monicreques escolléronse en función do personaxe que representan. As facianas dos personaxes son máscaras tamén tinguidas pola cor característica do seu protagonista. Outra particularidade destes bonecos é a súa capacidade para transformárense segundo a escena. Así, o vestido de Xulieta será o balcón do famoso abrazo co seu amado Romeo.

A batuta do mestre romanés Mihnea Ignat
O mestre Mihnea Ignat naceu en Romanía en 1980. Estudou Dirección de Orquestra e Composición na Universidade Nacional de Música de Bucarest, onde se licenciou coas máximas cualificacións. Logo realizou o Máster en Dirección de Orquestra na mesma universidade, baixo a tutela do prestixioso director romanés Horia Andreescu. Formouse con grandes mestres. É convidado con frecuencia a dirixir a maioría das orquestras filharmónicas de Romanía. En 2004 funda unha orquestra sinfónica integrada por xoves músicos romaneses. Durante a temporada 2009-2010 ocupou o cargo de director asociado da Orquestra Sinfónica Nacional da República Dominicana en Santo Domingo. Dende 2005 é director titular e artístico da Orquestra Filharmónica da Universidade de Alacante.

Compartir: