EMPREGO

Compostela celebra o Foro da Intermediación e o Emprego os vindeiros días 29 e 30 de abril

25/04/2015 Santiago de Compostela celebra os vindeiros días 29 e 30 de abril o Foro da Intermediación e o Emprego, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións. Promovido pola concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo a través da Axencia Local de Colocación, en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego e cofinanciada polo FSE, esta iniciativa ten coma obxectivo favorecer a mellora das competencias e cualificacións profesionais das persoas demandantes de emprego e informar sobre recursos e ferramentas útiles para a busca activa de traballo.

O Foro da Intermediación e o Emprego conta cun amplo programa de actividades, no que se inclúen máis de 40 cursos, diferentes obradoiros e relatorios, sesións de orientación laboral individualizadas e de simulación dun proceso de selección, ademais da xestión de ofertas de emprego.

Durante estas dúas xornadas máis de 25 empresas realizarán presentacións informativas e haberá sesións sobre os programas operativos de emprego 2014-2020 e a garantía xuvenil no ámbito local.

Este labor de intermediación laboral, de carácter público e gratuíto, é un servizo permanente da Axencia Local de Colocación

No marco do Foro da Intermediación e o Emprego estanse a xestionar 126 ofertas, para as cales xa se recibiron máis de 6.000 currículos. Algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no Palacio de Congresos a candidatos previamente convocados.

A falta dunha semana para a realización do evento, xa hai máis de 1.200 persoas inscritas para participar nas diferentes actividades formativas e máis de 500 para as presentacións das empresas. Polo momento aínda quedan prazas dispoñibles e os interesados en participar poden inscribirse a través da web da Axencia Local de Colocación.

Documentos relacionados



Compartir: