CONSORCIO

Esgotadas todas as publicacións que regalaba o Consorcio aos visitantes da Casa do Cabido con motivo do Día Internacional do Libro

24/04/2015 Este xoves 23 de abril celebrouse o Día Internacional do Libro. Con motivo desta conmemoración, o Consorcio de Santiago fixo entrega de publicacións a todas as persoas que visitaron a Casa do Cabido nesta data, tanto adultos como ao público infantil e xuvenil.

Ao longo da xornada esgotáronse todos os exemplares que o Consorcio puxo a disposición do público, máis de 300. Estas publicacións pertencían ás seis coleccións que posúe o organismo: biblioteca facsimiliar, científica, biblioteca de divulgación xacobea, literaria, biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil. Todas elas versaban sobre a literatura, a arte ou a historia de Santiago. Por outro lado, tamén se esgotaron os CDs da Música do Calixtino e os DVDs sobre a historia da cidade compostelá e que con motivo do Día do Libro se ofreceron aos visitantes.

O xoves, a Casa do Cabido recibiu un total de 280 visitantes, dos cales 191 procedían de Santiago, 33 persoas chegaron doutras partes de Galicia e as 56 restantes residían en diferentes cidades, tanto de España como de Europa.

A Casa do Cabido pode visitarse de martes a sábados, de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 21:00 horas en horario de tardes. Os domingos abre as súas portas de 11:00 a 14:00 horas. Os luns permanece pechada.

Compartir: