XUNTA DE GOBERNO

O Concello recibe 200.000 euros para a contratación de 20 persoas en situación ou risco de exclusión social

24/04/2015 A Xunta de Goberno acordou aceptar unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar para a contratación temporal de 20 persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA para o ano 2015. Grazas a estas axudas, por un importe total de 201.018 euros, o Concello contratará catro técnicos de programas, nove administrativos, cinco conserxes e dous peóns.

O obxecto desta axuda, tal como explicou o alcalde, Agustín Hernández, é o fomento do emprego, no ámbito de colaboración coas entidades locais, contratando a perceptores da RISGA cunha antigüidade mínima de 6 meses, na procura de que obteñan a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción social.

"Os contratos son por un período de sete meses e unicamente suporán ao Concello un custo estimado de 5.070 euros, correspondentes á indemnización por fin do contrato, logo de que a Consellería de Traballo asuma o pagamento das correspondentes retribucións", explicou o rexedor municipal.

Segundo as condicións establecidas pola Xunta de Galicia, os contratos terán que conformarse antes do 8 de maio e a súa extinción producirase no mes de decembro.

Obras no Castiñeiriño
Na mesma sesión ordinaria, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao proxecto de actuacións no sector 33 do Castiñeiriño. Esta intervención encádrase nas obras en ámbitos de dominio e uso públicos previamente urbanizados ou ámbitos libres en interiores de parcela, coa finalidade do mantemento, mellora ou reforma dos espazos, as súas instalacións ou equipamento. O orzamento previsto é de 71.934 euros e sinálase un prazo de execución de 1,5 meses.

Este proxecto contempla 5 ámbitos de actuación (a pista do SUNP-12-Chaparra, a pista do SUNP 13, a pista de Outeiro-Combarro, a rúa da vía a pista Combarro e a rúa do Seixo), todos eles caracterizados polo mal estado dos seus pavimentos, que van ser arranxados e repostos coa mesma pavimentación anterior e co acondicionamento de foxos.

Subvencións a entidades culturais
O Goberno local tamén aprobou a concesión de seis subvencións, para outras tantas entidades culturais, co obxecto de colaborar na realización de diversas actividades propostas. O importe total asignado é de 24.430 euros, que se distribúen do seguinte xeito:

- Museo do Pobo Galego, 9.180 euros, para a realización de diversas actividades culturais; celebración do Entroido, Día da Muller Traballadora, Día das Letras galegas, proxecto sobre o procomún e os montes veciñais, actividades para bebés, xornada sobre o baile, actividades de verán, Ciclo do Outono e Mostra de Cinema Etnográfico.

- Confraría da Vera Cruz, 2.500 euros, para a realización da procesión da Última Cea do 2 de abril de 2015, actividade de interese antropolóxico e turístico, cunha vertente patrimonial, ao exhibir a talla de titularidade municipal da Virxe da Vera Cruz.

- Fundación Rosalía de Castro, 3.825 euros, para a celebración do aniversario da poetisa e do Día da Poesía.

- Fundación Compostela Arquitectura, 1.500 euros, para a realización dun curso destinado a estudantes e arquitectos novos.

- Curso Universitario Internacional Música en Compostela, 3.825 euros, para a nova edición deste curso, que comprenderá concertos, conferencias e varias aulas de distintos instrumentos e disciplinas musicais.

- Padroado da Casa da Troia, 3.600 euros, para a realización dun festival de tunas titulado II Encontros Troianos en Compostela-Festival do Centenario.

Documentos relacionados



Compartir: