XUNTA DE GOBERNO

O Concello porá en marcha un protocolo para o control das colonias de gatos

24/04/2015 O Concello de Santiago vai aplicar un protocolo o control e salubridade das colonias de gatos no municipio. Así o acordou a Xunta de Goberno na súa sesión ordinaria deste venres. Neste documento, apuntou o alcalde, Agustín Hernández, "propóñense diversas medidas na procura de integrar de forma efectiva na convivencia cidadá a existencia de gatos que viven en estado de liberdade, co obxectivo de agrupalos en colonias para facilitar a súa alimentación e controlar a súa reprodución e salubridade".

Segundo o alcalde, "trátase así de conciliar as diferentes sensibilidades existentes sobre a presenza desta fauna urbana, perfectamente adaptada ao seu contorno e medio". Deste xeito, engadiu, "búscase unha relación harmónica entre os detractores destes animais en liberdade e as persoas que alimentan e coidan as colonias, así como protectoras de animais ou centros de acollida municipais, que velan polo seu coidado e sofren as consecuencias desta situación". Este tipo de protocolo, dixo, xa existe en diversas cidades europeas -entre elas algunha española- e americanas.

Explicou que os técnicos municipais da Área de Medio Ambiente, en colaboración coa Fundación Refuxio de Bando, concluíron que a solución máis humana e efectiva é establecer un programa de control de colonias, baseado na captura, esterilización e solta (CES), poñendo en adopción cachorros ou adultos dóciles e devolvendo os gatos á súa zona de orixe, procedendo á súa distribución unicamente no caso de que haxa un número excesivo ou por seguridade dos animais (existencia de edificios con ameaza de derrubo ou soares en construción, por exemplo).

"Para levar a cabo estas accións é necesaria a participación e coordinación de coidadores de colonias, concellos, asociacións protectoras de animais, centros de acollida municipais, veterinarios, veciños e sociedade en xeral", indicou.

O Concello, en colaboración cos responsables da colonia, asignará a cada gato un número e un nome tendo en conta a localización da colonia; identificará aos coidadores da colonia, permitindo que poidan alimentar aos gatos na forma que se acorde; publicará na web municipal a relación de colonias felinas controladas, co seu número e, como mínimo, un responsable de cada unha; e sinalizará cada colonia, coa indicación de colonia autorizada, o número de integrantes felinos e o número de persoas responsables da colonia. Difundirase igualmente a normativa galega na materia, segundo a cal é un delito atentar contra os animais.

Outra das medidas será a de facer constar un enderezo electrónico para comunicar calquera circunstancia en relación coa colonia e o agradecemento á veciñanza pola súa comprensión e colaboración. Os veciños tamén recibirán información sobre a situación da colonia, das vantaxes para o control sanitario e de pragas e da desaparición das molestias ao estaren os animais esterilizados e coa alimentación controlada.

Finalmente, o Concello elaborará unha información básica da colonia, así como unha ficha individual por cada animal, con todas as súas características e circunstancias, dando instrucións técnicas aos responsables, coidadores e alimentadores das colonias sobre todos os aspectos relativos á súa actividade: sanidade, control da poboación e da alimentación ou métodos de hixiene.

"Mediante este protocolo que hoxe aprobamos establécense, pois, uns requisitos mínimos para a constitución de colonias de gatos, de forma que as que adquiran esa condición poidan colaborar cos departamentos municipais con competencia nesta materia para erradicar esta problemática e fomentar así solucións de convivencia cívica a problemas comúns", concluíu o alcalde.

Documentos relacionados



Compartir: