CONSORCIO

O contrabaixo Damián Arenas, músico da Orquestra Sinfónica de RTVE, formará neste instrumento a intérpretes galegos

20/04/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana, o recoñecido músico catalán Damián Arenas formará neste instrumento tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación co contrabaixo.

As clases celebraranse o luns 27 de abril, de 16:00 a 20:00 horas. O martes día 28 as sesións terán lugar pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar poderán matricularse a través da páxina web da Escola de Altos Estudos Musicais: www.eaem.es. Para eles ofrécese un total de cinco prazas.

Damián Arenas naceu en Barcelona no ano 1967. Estudou contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Barcelona, onde obtivo dous Premios de Honra e Matrícula fin de carreira. Con posterioridade realiza estudos de alta especialización na Escola de Música Raíña Sofía de Madrid, recibindo o diploma de "alumno máis destacado da Cátedra". Entre 1996 e 1999 foi contrabaixo solista na Orquestra Sinfónica de Castela León.

Foi catedrático de Contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Salamanca durante tres cursos académicos. Habitualmente imparte cursos e clases maxistrais en conservatorios, escolas de música e festivais de todo o territorio nacional. Tamén é convidado para preparar a sección de contrabaixos da Xove Orquestra da Comunidade de Madrid. Na actualidade é solista da nova Orquestra UNESCO Barcelona e membro da Orquestra Sinfónica de RTVE dende 1999. E dende 2008 forma parte do equipo de profesores da Escola de Música Creativa de Madrid.

Compartir: