CULTURA

O Concello pon en marcha de novo as visitas guiadas ao Castelo da Rocha

20/04/2015 A Concellería de Cultura retoma, por segundo ano, o programa de visitas guiadas ao Castelo da Rocha tras o éxito acadado na pasada edición, na que participaron 1.332 persoas, coa finalidade de poñer en valor este importante xacemento arqueolóxico achegándoo ao público en xeral. A titula do Departamento, María Antón, presentou en rolda de prensa o calendario de visitas.

Ao igual que en 2014, ofértase un programa de visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico co obxecto de explicar e contar in situ a súa historia. Estas visitas, de eminente carácter divulgativo e didáctico, están dirixidas aos cidadáns en xeral, aos estudantes, a colectivos culturais, etc. As visitas comezan este mesmo mes e realizaranse ata o mes de decembro.

O calendario de visitas organízase en dous grupos, en función dos distintos destinatarios que se quere atender. O primeiro deles está composto polos centros escolares, que poderán programar as súas visitas ata o mes de decembro de luns a mércores a partir das 10:00 horas. O itinerario guiado terá unha duración máxima aproximada dunha hora e media e os grupos non poderán exceder de 50 persoas.

Para o segundo grupo, composto polo público en xeral, establécense dúas quendas os sábados, ás 11:00 e ás 18:00 horas, agás no mes de agosto, cando se trasladan as visitas aos xoves no mesmo horario. O grupo non poderá exceder de 25 persoas e as prazas encheranse por rigorosa orde de entrada.

Durante a experiencia piloto do pasado ano, 1.332 persoas se beneficiaron destas visitas guiadas, das cales 229 foron escolares pertencentes a 10 centros diferentes, 457 pertencían a asociacións ou colectivos e 646 ao público en xeral.

A inscrición é de balde, podendo solicitarse cubrindo un formulario na páxina web rochaforte.info, onde se inclúe toda a información necesaria. Tamén poderán facerse reservas a través dos teléfonos 986 572 267 e 685 860 773 en horario de mañá ou na Oficina de Cidade histórica e Rehabilitación do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, tanto presencial como telefonicamente.

Acondicionamento
Ademais deste programa de visitas, dende o Concello de Santiago deseñouse un programa de traballo coa finalidade da recuperación e posta en valor deste importante xacemento arqueolóxico. Esta iniciativa comprende ata 13 actuacións diferentes organizadas en tres grandes bloques.

O primeiro deles comprende os traballos de acondicionamento previo, entre os que se atopan aspectos como a roza de vexetación na área de escavación previamente definida; a retirada dunha torre eléctrica construída sobre a antemuralla oeste do Castelo ou o valado provisional do xacemento para pechar tanto o espazo xa escavado como a área de escavación prevista no proxecto.

Escavación e restauración
O segundo bloque consiste na fase de estudo, escavación e restauración do xacemento, que inclúe dende a documentación histórica, que amplía e complementa a recompilación efectuada no ano 2002 polo profesor Hermelindo Portela, ata a propia escavación, restauración e estudo do xacemento. A pretensión destes traballos era a apertura de toda a superficie posible do xacemento, especialmente no sector oeste, onde a escavación permite ampliar o tramo de muralla e liza que estaban sepultadas pola torre eléctrica.

Esta intervención arqueolóxica permitiu a lectura e estudo de paramentos, o tratamento e estudio dos materiais arqueolóxicos atopados na propia dinámica da escavación e a restauración das estruturas do xacemento.

Posta en valor
A terceira é a fase de acondicionamento e posta en valor do xacemento. Neste bloque de actuacións deseñáronse e instaláronse paneis informativos no exterior do perímetro amurallado, así como estruturas de pechamento que impidan a entrada ao recinto intramuros do castelo.

Por outra banda, e como soportes divulgativos, publicouse un libro destinado aos cidadáns que resume a historia do Castelo e reflexa a súa transcendencia e importancia para a cidade de Santiago e deseñouse e construíuse unha páxina web (rochaforte.info) .

Plan Especial
Ao tempo que todos estes traballos se desenvolvían, dende o Consorcio da cidade de Santiago, por unha encomenda do Concello, licitouse a redacción do Plan Especial do Castelo da Rocha Vella e o seu contorno, coa finalidade de establecer os criterios xerais de intervención e a definición de obxectivos con respecto aos restos arqueolóxicos e o ámbito natural que os rodea.

Este Plan Especial foi aprobado no Pleno do Concello de Santiago de data 30 de xaneiro de 2015 e o pasado día 15 de abril publicouse a súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.

A concelleira de Cultura, María Antón, sinalou que o primeiro paso dentro do plan é a expropiación dos terreos que permitirán mellorar a accesibilidade do xacemento e a creación dun aparcamento. Está previsto que a fase de expropiación conclúa a finais deste ano.

Incorporaranse os terreos situados na marxe norte do regato do Vilar, no tramo comprendido entre a vía férrea e a desembocadura do río Sar, co obxectivo de salvar o noiro existente e crear unha senda paralela ao regato, sen afectar aos restos da canle do muíño, ás terrazas e ao arborado existente.

Tamén se incorporan os terreos situados na marxe leste do río Sar, co fin de recuperar o trazado do antigo camiño de Escorredía, que se estima máis idóneo que o fixado polo PXOM para garantir a accesibilidade peonil ao parque e a súa conexión co Camiño Portugués e co castriño de Conxo.

Compartir: