TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino de congresos nunha xornada inversa para axencias holandesas

19/04/2015 O Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago para a promoción turística da cidade como destino de Congresos, Xornadas e Incentivos, participa nunha xornada inversa para axencias holandesas especializadas en congresos.

Na acción participan 18 axencias holandesas e só dez destinos españois asociados ao Spain Convention Bureau, organizador do encontro, que ten lugar entre o 16 e o 19 de abril. O evento celébrase conxuntamente en Ibiza e Valencia e permitirá que Santiago poda amosar as súas posibilidades como cidade de Congresos, así como o atractivo concreto que Compostela e o Camiño de Santiago teñen para o mercado holandés, onde existen unha tradición xa milenaria de peregrinación.

Turismo de Santiago está desenvolvendo unha intensa acción de promoción no mercado holandés. A comezos deste ano participou na principal feira turística holandesa, que se celebrou en Utrecht, a Vakantiebeurs. Foi un evento dirixido tanto ao sector profesional como ao público xeral, no que participaron máis de 1.400 profesionais do sector e que tivo máis de 100.000 visitantes.

A empresa municipal de promoción turística acudiu por primeira vez a esta feira en 2014 co obxectivo de promocionar no mercado holandés a cidade e a nova conexión con Ámsterdam que Vueling estreou no aeroporto de Santiago en xuño do ano pasado. Esta conexión moveu no seu primeiro ano 14.587 pasaxeiros. A intención é que no 2015 pode aumentarse esta cifra e consolidar esta conexión no aeroporto.

Turismo de Santiago manterá reunións con touroperadores e axencias de viaxes, pero tamén con Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, xa que Holanda é un país cunha importante tradición peregrina, que está aumentando nos últimos anos. No 2014 logrouse o máximo de peregrinos holandeses, con 3.458, que supuxeron un aumento do 20% respecto do 2013.

Compartir: