ALCALDÍA

Agustín Hernández recibiu a algúns dos mellores especialistas españois en enfermidades da retina

17/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu os participantes en Retina Santiago. Curso de Actualización en Retina Médica e Quirúrxica, organizado polo Instituto Ofatlmolóxico Gómez-Ulla. O curso, que se celebra no Auditorio Abanca ata o mediodía do sábado, reúne a boa parte dos mellores especialistas de España no tratamento médico-quirúrxico das enfermidades da retina.

No encontro participan arredor de 200 retinólogos. Entre os relatores figura o profesor Paulo Stanga, da Universidade de Manchester e colaborador do Hospital Real de Ollos desa cidade británica, ambas entidades consideradas entre as líderes mundiais no campo da retinoloxía.

Agustín Hernández referiuse ao prestixio dos participantes neste curso e, en particular, ao labor do Instituto Oftalmolóxico Gómez-Ulla, cuxa gran parte da súa actividade se dedica ao estudo da retina, campo no que acumula grande experiencia científica, coa participación en proxectos nacionais para o estudo e avaliación de novos fármacos.

Ademais, o alcalde falou sobre o "grande impacto na saúde" que teñen as enfermidades da retina xa que, das catro das causas máis importantes de cegueira no mundo desenvolvido, tres están relacionadas coa retina. Trátase das derivadas da diabetes, da miopía elevada e da dexeneración macular asociada ao envellecemento. Esta última, dixo, ten unha especial relevancia en Santiago e en España, cun alto nivel de poboación en avanzada idade.

Compartir: