CULTURA

Tras esgotar entradas no concerto de Ferrol desta semana, Leiva estará en Compostela en xuño coa súa xira "Pólvora"

17/04/2015 Leiva pechará o seu #PolvoraOnTour, unha das xiras de maior éxito no noso país, con 17 novas datas, coas que sumará case 100 concertos entre 2014 e 2015. O Barclaycard Center de Madrid, acollerá o próximo 4 de xullo o espectáculo final desta xira na que vén presentando Pólvora, o seu segundo traballo en solitario, co que se consolidou como unha referencia indispensable no panorama do rock feito en España. En Galicia, tras esgotar entradas en Ferrol esta semana, estará de novo o 19 de xuño en Compostela, no Palacio de Congresos, dentro do ciclo Compostela Rock.

Pólvora entrou directo ao número 1 en vendas grazas ao seu son elegante e efectivo, pero tamén a un rock persoal e distintivo que contén éxitos tan rotundos como "Terriblemente cruel", co que conseguiu o disco de platino en streaming e cuxo vídeo acumula case tres millóns de visitas en Internet, ou como "Los cantantes", terceiro sinxelo do álbum e un dos temas máis icónicos e radiantes do mesmo, unha canción en ton biográfico que mostra a cara máis distinguida e intimista de Leiva.

Pólvora (e Leiva) foi agasallado polo público e eloxiado pola crítica, e no seu percorrido, recibiu parabéns como o nomeamento ao mellor artista español dos European Music Awards (EMAs) da MTV, a de Rolling Stone (como mellor canción) ou o galardón que recibiu nos Premios 40 Principales (Mellor Artista Rock Español). Ademais, Pólvora foi o segundo disco máis vendido en iTunes no 2014 en España.

Pólvora en Compostela
O concerto de Santiago será o venres 19 de xuño no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, con apertura de portas ás 21:00 h e inicio aproximado do concerto ás 22:00 h. As entradas teñen un prezo de 28 euros na zona 1, 24 euros na zona 2 e 20 euros na zona 3. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento, de 18:00 a 21:00 h) na Rede Ticketmaster ou en Taquilla Mediaset.

Compartir: