CULTURA

Teatro, danza, música, humor e espectáculos familiares na axenda da fin de semana

17/04/2015 A programación cultural desta fin de semana ofrece ata oito citas co teatro, coa danza, coa música, co humor e con dous espectáculos específicos para nenos. O sábado haberá unha sesión de cabaré infantil (Merenda de libros), a representación de Pangeia no Salón Teatro e o humor de Ana Morgade. Para o domingo queda o concerto da Banda Municipal, novas funcións de Pangeia e Merenda de libros, un espectáculo infantil de música e danza (Estamos no verán!!!, e a representación teatral de Constelaciones, de Nick Payne.

Na xornada do sábado poderemos gozar da Merenda de libros ás 17:30 horas na Zona C, dentro do ciclo Infantil & Familiar. A función repetirase o domingo ás 12:30 horas.

Merenda de libros é un cabaré infantil, e familiar, no que tres persoas adultas que en ningún momento pretenden facer de nenos, senón que simplemente tentan divertirse coma nenos, póñense a merendar textos. Un achegamento entretido e lúdico ao mundo das letras como parte dunha realidade común e máis cotiá do que, quizais, coidabamos.

Creado pola compañía compostelá Teatro En Punto, Merenda de libros non é unha obra de teatro senón máis ben un xogo, no mundo da fantasía, arredor dos conceptos "libro" e "palabra".

Dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, poderemos ver Pangeia, danza e teatro, no Salón Teatro, o sábado ás 20:30 e o domingo ás 18:00 horas.

Pangeia é a historia da terra, a historia da humanidade, a nosa propia historia. Pangeia é separarse para volver a encontrarse, noutro lugar, doutro xeito, noutro tempo… como as placas tectónicas na deriva continental. No inicio estaban xuntas e na fin xuntas van ficar. Pangeia é crise, movemento, mudanza. É inicio, é fin. O teatro, a danza, a música, as artes plásticas, a cociña, o local, o global, a tradición, o futuro… iso é Pangeia. Unha creación nada como froito dunha coprodución galego-portuguesa-brasileira desenvolta por Limiar Teatro e Acaso Danza.

Pecharase a xornada do sábado, tamén ás 20:30 horas, pero no Teatro Principal, coa humorista Ana Morgade, que presenta as súas Morgadeces dentro do ciclo Falabaratos.

Na peor das épocas posibles, de entre o tedio, o desemprego e os grupos de whatsapp, xorden as Morgadeces. Non serven para nada, non producen beneficios, nin engordan nin adelgazan, e tampouco desgravan. Pero… e o tempiño divertido que pasas? Unha hora e media de sandeces elixidas con gusto e delicadeza. Se ti tamén pensaches que estar superpreparado non te deixaría superparado, non estás só: ven botar gargalladas a coro.

A xornada do domingo comeza xa pola mañá, ás 12:00 horas, cun novo concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, no Teatro Principal. Intepretará obras como Romeo e Xulieta, de Chaikovsky, ou A Bela Galatea, de Suppé, entre outras. Este concerto está enmarcado dentro do Ciclo de Primavera da Banda e a entrada será libre ata completar aforo.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, Xoán Curiel e a banda Son+d2 presentan Estamos no verán!!! no Teatro Principal, dentro do ciclo Infantil & Familiar. Este é un espectáculo de 50-60 minutos de duración, con música e danza, configurado a partir da novela-Cd do mesmo nome e editada por Galaxia.

No mesmo, cóntasenos a historia duns amigos que no verán queren montar un grupo de música. É un espectáculo absolutamente participativo no que se mesturan a música e a danza con elementos teatrais e de clown, con seis artistas en escena (catro músicos, dous cantantes e unha bailarina), cheo de música, historias, danza e coreografías que mergullan aos rapaces e rapazas nunha divertidísima festa e nun soño de verán.

Péchase a programación da fin de semana no Auditorio Abanca, ás 20:00 horas, con Constelaciones, de Nick Payne, dentro do ciclo Teatro 2015. O novo dramaturgo británico Nick Payne deu o gran salto ao West End londinense (e despois a Nova York) con Constelaciones, obra pola que mereceu a nominación a os premios Olivier. Foi mellor obra London Evening Standard, Theatre Awards 2012 e Mellor Espectáculo de Teatro na Feria Internacional de Teatro y Danza, Huesca 2014. Un espectáculo recomendado pola Rede de Teatro e Circo de España.

O Daily Telegraph fala dunha "obra divertida, intelixente e chea de ideas que transmite un torrente de emocións". Nick Payne explora o amor, a amizade e a noción do libre albedrío no contexto da física cuántica. Roland (Fran Calvo) e Marianne (Inma Cuevas, premio á mellor actriz protagonista de Teatro nos Premios da Unión de Actores 2015) –apicultor e física cuántica respectivamente– coñécense durante unha barbacoa e comezan unha relación.

Constelaciones está inspirada na idea do "multiverso", a teoría de que o noso universo é só un entre os moitos que existen. Ilustra este concepto presentando as múltiples permutacións posibles para unha única relación: nalgunhas das posibles versións da relación conviven felices mentres, noutras, nin sequera chegan a bicarse por primeira vez.

Compartir: