ALCALDÍA

Entregados os premios dos certames "Vive a Paixón en Galego" e "Debuxa comigo 2015" e a doazón 2.000 ceas para a Cociña Económica

17/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu a entrega de premios dos certames Vive a Paixón en Galego e Debuxa comigo 2015, impulsados pola Confraría de Estudantes, nun acto no que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Elvira Casal, e pola concelleira de Educación Maite Cancelo. Tamén participaron o presidente da Confraría de Estudantes, José Ramón Muñiz; a directora da Cociña Económica de Santiago, Sor Esther Seoane, e alumnos e alumnas dos centros escolares que participaron nestas iniciativas.

Baixo o lema "Podemos facer moito con moi pouco" o certame Debuxa comigo 2015 , dirixido aos escolares da cidade, buscaba concienciar aos máis pequenos dos problemas reais que moitas persoas padecen na actualidade. Os nenos e nenas tiñan que debuxar nunha postal en branco diferentes problemas da sociedade actual e incluír un hastag cunha posible solución ao mesmo. Por cada postal debuxada, a Confraría de Estudantes doou unha cea á Cociña Económica de Santiago. Finalmente, foron 2.000 as ceas doadas.

Nesta iniciativa, na que colaborou o Concello de Santiago, participaron 1.000 alumnos e alumnas de varios centros da cidade, resultando gañador Víctor Vega, do CEIP Monte dos Postes. En segundo lugar quedou María Blanco, do Colexio Nosa Señora dos Remedios e, en terceiro, Noemí de la Torre, do Colexio San Francisco Javier.

O concurso Vive a Paixón en Galego, promovido en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, tiña como obxectivo poñer en valor a Semana Santa de Santiago mediante o uso do galego e as TIC. Así pois, os participantes debían subir a unha rede social unha curtametraxe ou unha fotografía acompañadas dunha sinopse en galego sobre a Semana Santa. Os gañadores foron, na categoría "Paixón Curta", Jacobo Otero Moreira e, na de "Imaxes de Paixón", Ana Amado Mera. Ambos foron premiados con 100 euros.

Na súa intervención durante a cerimonia, Agustín Hernández sinalou que estes dous concursos "teñen en común a súa aposta por promover, ao mesmo tempo, distintos pero moi importantes valores para a nosa cultura e para unha gran maioría da nosa sociedade, como son a tradición relixiosa, a solidariedade, o entendemento, o respecto e a comunicación, destacando o emprego da lingua propia de Galicia e das novas tecnoloxías".

Así mesmo, aproveitou para agradecer o labor de organización e impulso destes premios que leva a cabo a Confraría de Estudantes de Santiago -empeñada dende hai 18 anos na recuperación e potenciación da Semana Santa na nosa cidade-, a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o traballo do xurado, no que participan profesores de distintos centros educativos. "E, sobre todo, quero felicitar a todos os premiados que coas súas obras axudan a que admiremos e apreciemos unha tradición secular, enraizada no pobo, e que lle aporta un valor engadido á nosa cidade", apuntou.

Compartir: