XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno licita o espectáculo nocturno das Festas do Apóstolo 2015

17/04/2015 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, iniciou o procedemento de contratación do espectáculo nocturno das Festas do Apóstolo 2015, por un importe de licitación de 217.800 euros. Na mesma sesión ordinaria acordouse a solicitude a Deputación da Coruña de 17 actuacións culturais para este exercicio.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, nesta aprobouse a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto, do servizo de deseño, produción, montaxe e realización dos espectáculos nocturnos do 24 e do 31 de xullo, dentro das Festas do Apóstolo 2015. O importe de licitación é de 217.800 euros.

"Esta cantidade é moi semellante ao tipo do ano anterior 2014 (215.866 euros) e notablemente inferior á doutros anos onde o tipo chegou a acadar os 410.000 euros (en 2011, incluíndo toda unha semana)", indicou.

Dezasete novas actuacións culturais
Por outra parte, aprobouse a solicitude á Deputación da Coruña dun total de 17 actuacións culturais, dentro da convocatoria do programa Rede Cultural 2015 para a difusión e promoción da música, o folclore, o teatro, a danza e demais manifestacións artísticas.

Estas actuacións, para as que se prevé un importe total de 11.631 euros, que deberá ser financiado nun 60% polo Concello e nun 40% a Deputación, inclúen obras de teatro, contacontos, grupos musicais e outros espectáculos. A relación de espectáculos solicitada é a seguinte:

XXXII Programa de Música e Teatro para Grupos non Profesionais

- Escola de Teatro Municipal de Laxe: A incrible historia das ras.
- Lisístrata: Un Nadal cheo de contos.
- La Luna Lunática: La brijita Florinda.
- Charanga tradicional Vai de Roda: De festa en festa.
- Por arte de maxia: Por arte de maxia.
- Acordes de ilusións: Acordes de ilusións.

XXVII Programa de Teatro e Títeres para Compañías Profesionais

- A Xanela do Maxín: A pequena Lúa.
- Títeres Cachirulo: O Apalpador contra o ladrón de xoguetes.
- Títeres Cachirulo: Elefantes que contan contos.
- Contos Titiritraum: Contos tititiritraum.

XXVIII Ciclo de Música para Intérpretes Profesionais

- Pesdelán: Mini.
- Ni Fu ni Fa Animación: Desafinando.
- Cé Orquestra Pantasma: Home orquestra.
- Mamá Cabra: Mamá Cabra. 15 anos.

IX Programa para Compañías de Danza Profesionais e Outras Actividades

- Garabato de xogos: Japi nait gossip bufón.
- Pablo Díaz: Musicanta.
- Caramuxo Teatro: Zapatos.

Documentos relacionados



Compartir: