XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local solicita axudas por 2,3 millóns de euros para 352 novas actuacións de rehabilitación nas ARI da Cidade Histórica, Vista Alegre e Pontepedriña

17/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a solicitude polo Goberno local da participación na convocatoria da Xunta de Galicia enmarcada no programa de renovación e rexeneración urbanas do Plan Estatal de Fomento 2013-2016, dirixida a concellos que teñan declarada algunha ARI no seu termo municipal, como é o caso de Santiago. O Concello demanda así as subvencións para un total de 352 actuacións nas ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Cidade Histórica.

O Concello conta coas ARI da Cidade Histórica, de Vista Alegre e de Pontepedriña e pretende asinar, no marco desta convocatoria, novos convenios para outorgar novas axudas á rehabilitación de edificios e vivendas neses tres ámbitos. Segundo explicou o alcalde, "as propostas circunscriben as novas actuacións para o ano 2015 e suman un total de 352 actuacións das que 100 correspondente á Cidade Histórica, 192 a Vista Alegre e 60 a Pontepedriña, cun custo total de 7.162.449 euros, dos que o Ministerio de Fomento achegaría un 31,64% (2.266.089 euros) e o resto (4.896.360) os particulares".

Así, para as 100 actuacións da ARI da Cidade Histórica solicítanse a Fomento 605.100 euros, mentres que os particulares achegarían 1.376.170 euros, para un custo total de 1.981.270 euros. No caso de Vista Alegre, realizaríanse 192 rehabilitacións, cun investimento total de 4.722.825 euros, dos que 1.342.621 corresponderían á subvención do Ministerio e 3.380.204 ás contribucións dos particulares. Finalmente, prevense 60 actuacións en Pontepedriña e subvencións para as mesmas de 318.368 euros, que sumados aos 139.986 euros das achegas dos beneficiarios, totalizarían un investimento de 458.354 euros.

Ademais, lembrou que este programa estatal establece unha participación do Ministerio no mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de información e xestión, outorgando ata 500 euros por vivenda rehabilitada para o seu financiamento, o que equivale neste caso a 176.000 euros. Repartiríanse 50.000, 96.000 e 30.000 euros, respectivamente, entre as ARI da Cidade Histórica, Vista Alegre e Pontepedriña. "Tendo en conta que os custos totais para o mantemento dos equipos de xestión ascende a 469.160 euros, o Concello asume un 62,5% (293.160 euros) do custo necesario para este mantemento", concluíu.

Documentos relacionados



Compartir: