ALCALDÍA

A alta afluencia ao Espazo Gastro marcou o inicio de Compostela Gastronómica

16/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou Espazo Gastro, abrindo así a primeira xornada da II edición de Compostela Gastronómica, que se desenvolverá entre ata o 21 de abril. Os días 16, 17 e 18 de abril, en horario de 12:00 a 15:00 horas, a nave 5 do Mercado de Abastos acolle o Espazo Gastro, un espazo habilitado especialmente para a ocasión no que máis de 20 restaurantes composteláns e galegos ofrecen deliciosas receitas de cociña creativa elaboradas con produtos do Mercado de Abastos.

Os establecementos participantes no Espazo Gastro son: A Viñoteca do Mercado, Bagos, A Horta d'Obradoiro, Tapería Castelao, O Ferro, O Celme do Caracol, Los Caracoles, La Cavita, Mesón A Charca, A Quinta da Auga, Quercus IP, A Tafona, Singulario, Resas, Reno, A Curtidoría, Caney e Garum. Como novidade, tamén estarán presentes dous prestixiosos restaurantes da Coruña, Bocanegra e Árbore da Veira. Por último, Estrella Galicia estará tamén no Espazo Gastro do Mercado de Abastos.

A apertura do Espazo Gastro marcou o inicio da segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que amosará o mellor da oferta gastronómica da cidade ata o próximo martes. O programa desta edición conta con múltiples actividades para que todos os afeccionados á cociña poidan descubrir e gozar das variadas opcións gastronómicas que se ofrecen en Santiago.

Gran parte do programa desenvolverase na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, un espazo moderno deseñado para dar cabida a todo tipo de actividades relacionadas coa gastronomía, como obradoiros para nenos e adultos impartidos por destacados cociñeiros e especialistas en diferentes áreas, catas, cursos de análise sensorial, presentacións de novos produtos ou un novo Workshop de Produtores, son algunhas das súas propostas.

O festival Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada por Turismo de Santiago que conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos da cidade, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: