CULTURA

O Auditorio de Galicia presenta a novena edición dos seus premios para novos artistas

16/04/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron as bases dos Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2015, que chegan xa á súa novena edición. Comezaron a celebrarse con carácter anual, no ano 2001, para pasar a ser bienais, propiciando un tempo imprescindible, tanto para dar cabida a novos artistas como para permitir aos que se veñen presentando as sucesivas edicións, afondar nas liñas de traballo.

O prestixio acadado converten aos Premios Auditorio de Galicia nuns dos máis esperados e importantes de Galicia, nun momento no que desapareceron outras convocatorias e no que o apoio a actividade artística resulta imprescindible para propiciar a creación. Unha convocatoria querida e requirida polos artistas como plataforma para entrar no circuíto profesional ou para que a súa obra poida ser visitada polo público interesado e por galeristas ou críticos. Para moitos dos artistas que se presentan será a primeira experiencia nunha sala de exposicións, un reto no que de novo poderemos constatar a excelencia duns artistas que de seguro nutrirán durante moito tempo a creación en Galicia.

A dotación dos premios, apoia de forma directa a tres dos artistas participantes: en maior medida para o primeiro premio que, con 6.000 euros, poderá ser axuda para producir obra, continuar investigando, formándose... apoiando cuestións para as que os artistas non atopan facilidades e recursos. Haberá un segundo premio de 1.000 euros e intervención na Zona C (por un importe máximo de 2.500 euros) e un accésit de 1.000 euros.

E tamén fai o premio atractivo o nomeamento dun xurado profesional que se intenta que sexa diferente en cada convocatoria, propiciando o debate e a opinión. Nesta edición o xurado está composto por:

• Presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia ou persoa en que delegue, como presidente deste xurado.
• David Barro López, director da Fundación Luis Seoane.
• Carmen Fernández Rivera, directora do Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC).
• Román Padín Otero, profesor da Esdemga e crítico de arte e moda.
• Mar Rodríguez Caldas, profesora na facultade de Belas Artes, comisaria e artista.
• Director-xerente do Auditorio de Galicia, ou persoa en quen delegue, que actuará como secretaria/o deste xurado, con voz e sen voto.

O xurado fará unha preselección de obras vendo os seus dossieres nunha primeira reunión. Eses seleccionados terán que enviar a súa obra ao Auditorio de Galicia, que organizará unha mostra con todas eles dando vida a unha exposición que se inaugurará no ano 2016. Xa vendo en directo as propias obras, noutra xuntanza, o xurado elixirá as gañadoras. Nesta selección de seguro haberá grandes propostas que virán a completar a nómina de artistas que consolidaron traxectoria logo de estar nestes Premios. Este é o listado dos gañadores do primeiro premio ata o de agora:

2001. Raúl Pereira (Pontevedra, 1977).
2002. Lorena Gómez (Ourense, 1978).
2003. Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978).
2005. Pablo Pérez Sanmartín (Vilagarcía de Arousa, 1980).
2007. Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977).
2009. Holga Méndez (Pontevedra, 1971).
2011. Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, Arxentina, 1983).
2013. Olaia Sendón (A Coruña, 1978).

Ademais, as obras seleccionadas pasaran a ser patrimonio de todos e todas, xa que quedan recollidas nas publicacións que se soben ao espazo web e-audiotoriodegalicia.net.

Poderán participar artistas individualmente ou como colectivo, que nacesen ou residan en Galicia, menores de 40 anos a 31 de decembro de 2015. O prazo para presentarse remata venres 30 de outubro.

Direccións relacionadas



Compartir: