ALCALDÍA

Entregados en Raxoi os premios da VI Olimpíada Galega de Economía

09/04/2015 Nun acto celebrado no salón vermello do Pazo de Raxo, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, entregou os premios da VI Olimpíada Galega de Economía. Compostela foi por segunda vez sede desta fase autonómica do certame, logo da primeira edición celebrada no curso 2008-2009.

Agustín Hernández felicitou os gañadores deste ano, tanto os tres alumnos como o profesor de economía do centro do estudante primeiro clasificado, e desexoulles o maior dos éxitos na fase final estatal da Olimpíada de Economía, que se celebrará entre os días 24 e 26 de xuño na cidade de Málaga. Ademais da participación neste certame, os tres estudantes e o profesor recibiron como premio un ordenador portátil.

Os gañadores desta edición da Olimpíada Galega de Economía foron designados pola comisión organizadora tras a corrección da proba de dúas horas e media celebrada pola tarde na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. Finalmente, a gañadora foi Mercedes Diéguez Paniagua. A segunda e a terceira clasificada foron, respectivamente, Amelia Álvarez Vázquez e Sara Baamonde González.

Crecente importancia da educación financeira
O alcalde lembrou a gran tradición en España e Europa das olimpíadas científicas. Así, a as primeiras, de Matemáticas, cumpriron en 2014 o seu 50º aniversario en España. A de Economía leva unha década celebrándose en todo o Estado e, no caso de Galicia, alcanzou este ano a súa sexta edición.

"O alumnado de Santiago de Compostela acostuma a ter un destacado papel neste certame –indicou- xa que os dous últimos anos os gañadores absolutos foron alumnos de colexios composteláns". En concreto, o gañador en 2014, David Moscoso, do IES Rosalía de Castro, obtivo a mellor marca galega a nivel nacional, cun 4º posto no certame nacional celebrado en Melilla.

Hernández enmarcou esta Olimpíada na "crecente importancia da economía na sociedade actual, que fai preciso que o sistema educativo incorpore a economía e a educación financeira como unha materia necesaria para, entre outras cousas, facilitar a comprensión de produtos financeiros e das operacións de aforro e endebedamento que forman parte da vida diaria de persoas, familias, emprendedores ou empresas". Neste sentido, resaltou que "o propio Programa Internacional de Avaliación de Alumnos (PISA), impulsado pola OCDE, e no que participan 65 dos países máis desenvolvidos do mundo, entre eles España, inclúe entre as valoracións dos sistemas educativos a competencia en educación financeira".

Compartir: