COMERCIO

A xornada Estrea Estilo integra na súa 3ª edición a 47 comercios da cidade

02/04/2015 O programa Estrea Estilo, da Concellería de Comercio, medra na súa 3ª edición coa participación de 47 tendas pertencentes a distintas zonas da cidade. A pesar de que as prazas ofertadas eran nun principio 44, a alta demanda por parte dos comercios fixo que se realizara un esforzo por integrar a todos aqueles que solicitaron un espazo no evento.

A acción servirá para dinamizar as vendas ao comezo da tempada a modo de gran festa do pequeno comercio, e terá lugar no Pazo de San Lourenzo o vindeiro domingo 10 de maio en horario de 11:30 a 20:30 horas. As tendas participantes presentarán as súas coleccións de primavera-verán e terán a oportunidade de exhibir e vender as novas prendas e produtos nos espazos da histórica e fermosa localización, que unha vez máis abrirá as portas dos seus xardíns e salóns interiores para compartilos con toda a cidadanía.

Dende zonas como o casco histórico ou o Ensanche, barrios como o de San Lázaro e San Pedro, e centros comerciais como o de Área Central, trasladaranse ata o Pazo de San Lourenzo tendas de moda téxtil, lencería, calzado e complementos para todas as idades e xéneros, artigos de porteo, labores, perfumes, flores e plantas, decoración, globos, repostaría, infusións, xeados, sandwiches e variados produtos gourmet e de alimentación ecolóxica, galega e internacional, conformando unha heteroxénea, ampla e atractiva mostra das tendencias que podemos atopar á venda na cidade nesta nova tempada.

13 Reinas, A Balea Violeta, A Cesta da Saúde, A Reixa Tenda, Allegra, Asthor Decoración, B Besito, Celme, Como Pez en el Agua, Core Surfing, Dandara, El Armario de Azara, El Vestidor de Alicia, Ela Diz, El Taller de Fer, Equisol, Floristería Embora, Hilar Fino, La Banqueta, La Gustosa, La Reina de Saba, La Tienda de Julia, Leiría, Lencería Conchi, Locapormí, Lunares en Mayo, Matrioska, Mequiña, Mokasu Abalorios, My Food Shop, Na Lúa, Nobel Vinte, Núa, Os Contos de Trapo, Patucos & Co, Pecados de Compostela, Queroté, Salón de Té Dulce Victoria, Simplemente Luna, Sr. Nilsson, Sueños Caseros, Tenda Globus 3D, Xearte Brigitte, The Perfect Shoe Santiago, Trigonella, Vestitu e Voilà, serán os comercios que integrarán a iniciativa na súa 3ª edición e que agardarán compartir as súas novidades con todos os visitantes o vindeiro domingo 10 de maio.

Ademais da presentación das novas coleccións, a xornada Estrea Estilo contará con múltiples actividades para todos os públicos: concertos e DJ, gardería-ludoteca e karaoke infantil, sorteos e degustacións, e obradoiros de elaboración de coroas e beleza exprés para aqueles que realicen unha compra durante a xornada nos comercios participantes.

Como principal novidade desta 3ª entrega, destaca como incentivo para fomentar as vendas no mes previo ao evento, o sorteo dun cheque-agasallo por valor de 200 € entre todos aqueles clientes que realicen unha compra nos comercios integrantes da iniciativa do 1 ao 30 de abril. Os compradores deberán depositar a súa rifa na urna situada na tenda onde realice a súa compra e gardar o ticket como xustificante de compra ata a 1ª semana de maio, na que se realizará o sorteo e se coñecerá quen será o gañador que poderá cambiar o seu cheque-agasallo por prendas e produtos dos comercios participantes no evento durante a xornada do 10 de maio no Pazo de San Lourenzo.

Os potenciais participantes do sorteo poderán consultar as bases a partir do mes de abril no arquivo "Abaco" da páxina web do Consello Xeral do Notariado e nesta mesma web municipal, así como manterse informados das novidades da iniciativa a través dos perfís de Estrea Estilo en Facebook e Twitter.

Compartir: