CULTURA

Tobie Miller e Zohreh Jooya & Ensemble Afghan, xornada feminina no Festival de Músicas Contemplativas

01/04/2015 A xornada do xoves 2 de abril do Festival de Músicas Contemplativas terá como protagonistas a dúas mulleres: Tobie Miller e Zohreh Jooya. Comezará a xornada ás 19:00 horas na Igrexa de San Fiz de Solovio con Viaxes… camiños de espiritualidade, onde poderemos escoitar composicións orixinais, improvisacións e adaptacións de temas de varias culturas, así como pezas compostas por Bach transcritas para zanfona por unha virtuosa do instrumento como Tobie Miller. Xa ás 21:00 horas e na Igrexa da Universidade, Zohreh Jooya e o Ensemble Afghan descóbrennos coas súas Cancións de Afganistán… amor e esperanza para tempos difíciles unha tradición musical que se encontra entre as máis refinadas de Asia. A entrada aos dous concertos é de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de 17:00 a 21:00 horas.

A viaxe como pasaxe na vida, buscando e atopando sitios e persoas. O músico como viaxeiro espiritual. Móvese co corpo coa cultura e coa alma. E o ouvinte, convidado para seguir esa viaxe, é guiado polos seus ouvidos e emocións. Este programa da solista Tobie Miller leva ao oínte nunha viaxe pola música recollida nas viaxes e experiencias, música inspirada nos encontros do músico ao redor do mundo.

O repertorio do concerto consiste en composicións orixinais e improvisacións e adaptacións sobre temas da tradición relixiosa doutras culturas (repertorio antigo e das culturas árabes) que están ligadas con fragmentos compostos por Johann Sebastian Bach transcritos para zanfona pola propia Tobie Miller, primeira zanfonista do mundo en atreverse coas obras para solista de violín e cello do gran mestre barroco alemán.

Tobie Miller, zanfona tenor
A zanfonista, frautista e cantante canadense Tobie Miller medrou nun contexto familiar de músicos clásicos. Após da formación en música antiga (B.Mus) na Mc-Gill University (Montreal), trasladouse a Basilea (Suíza) para continuar estudos de posgrao de música medieval e do Renacemento na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis. Participou en múltiples proxectos discográficos con ensembles en ambos os dous continentes que inclúen o Ensemble Baroque de Limoges (gravación de obras de Haydn e Mozart para lyra organizatta, editada polo selo Laborie), Les Musiciens de St. Julien (para o selo Alfa), Per Sonat (Christophorus) e cos seus propios ensembles (La Rota, Ysis, Ballam, Vox Suavis ou o duo Miller-Romain). Traballa regularmente cos conxuntos Gilles Binchois (Dominique Vellard), La Morra (Mixaj Gondko), Leones (Marc Lewon) e Les Jardins de Courtoisie (Anne Quentin).

Tobie Miller é unha intérprete única, por ser unha das poucas mulleres en tocar ao primeiro nivel a zanfona e por ser unha das poucas especialistas en repertorio clásico para zanfona (instrumento de gran produción compositiva no século XVIII). Virtuosa a nivel técnico e coñecedora da linguaxe da música antiga e de todo o repertorio para zanfona barroca, actúa en varias formacións, incluíndo o dúo co zanfonista austríaco Matthias Loibner e con directores ben coñecidos como Jordi Savall, Christophe Moeda e Wieland Kuijken. Ademais, imparte clases regularmente en talleres e festivais como o CAMMAC (desde 2003), Over the Water Festival (Seattle, desde 2005) ou Les Journées de La Flûte à Bec (2006) e na Schola Cantorum Basiliensis (2008).

Cancións de Afganistán
A forte influencia da negatividade das noticias que nos chegan dun país maltratado por máis de 30 anos de guerras non nos permite facer unha idea da brillantez da riqueza cultural de Afganistán. Comprometidos coa recuperación, preservación e difusión do infinito patrimonio cultural afgán, Zooreh Jooya e o Ensemble Afghan descóbrennos coas súas Cancións de Afganistán unha tradición musical que se encontra entre as máis refinadas de Asia, rescatando o espírito positivo e o amor á vida, a Deus e á natureza propios da tradición afgá, da súa poesía antiga e a súa música. Nacida en Irán de pai afgán e nai persa, Zohreh Jooya bebe de ambas as dúas culturas e achéganos as súas Cancións de Afganistán vistas a través da poética ghazal, a música relixiosa qawwali, a música tradicional e as cancións populares antigas dun dos países do mundo máis castigado pola guerra. "Ghazale Pashto" é unha canción de amor en lingua pashtoo.

As seguintes cancións imaxinan momentos de felicidade: "Mikham beram Koh" (Quero ir ás montañas co meu amado e contemplar os cervos...), "Dokhtare Kuci" (A rapaza nómade ten un espírito libre e forte e vive na natureza...), "Gargush koni" (Cando escoitas o teu corazón, conectas coa verdade e co Universo...). "Man mast ou to divana" (Eu estou bebido e ti estás tolo) é un poema sufí de Molana Rumi que quere expresar que todos temos as mesmas raíces e somos todos irmáns e "Allah Hu" (Onde estás ti, Deus?) é unha canción qawwali en lingua urdú. "Zim zim" significa "aguillón do escorpión", unha metáfora que se refire ao extremo da cella da muller amada que, cando a miras, se crava no corazón.

Zooreh Jooya
Nacida en Mahshad (Irán) de pai afgán e nai persa, Zohreh Jooya medra entre as dúas culturas. Trasládase a Europa para estudar música, primeiro en Amsterdam e a continuación en Viena, onde recibiu educación musical clásica e obtivo o mestrado en artes polo Conservatorio Superior de Viena. As culturas oriental e europea inflúen e inspiran a Zooreh Jooya, que tanto canta ópera, cancións de Mozart, Beethoven ou Schubert, obras do Barroco italiano ou música tradicional de Irán e Afganistán. Abriu un novo modo de interpretar a música tradicional iraniana e afgá que quedou plasmada nos seus discos Noites persas, Unha viaxe a Persia, Cancións de Afganistán, Música dos místicos persas, Música afgá, A dobre ausencia, Vellas raíces, novas follas, etc.

Compartir: