XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases para a adxudicación de novas licenzas para venda ambulante no Mercado de Salgueiriños

27/03/2015 A Xunta de Goberno aprobou as bases para a adxudicación de licenzas de venda ambulante no Mercado de Salgueiriños, que afectan a 65 postos actualmente libres nesa superficie.

Os postos, para unha superficie de 6 x 5 metros, na que se poderá estacionar o vehículo, corresponden a 65 licenzas que se distribúen do seguinte xeito:

- 2 postos de polbo ou elaboración de comida rápida.
- 2 churrerías.
- 25 postos para produtos hortícolas.
- 5 postos para floraría e planta viva.
- 5 postos de artesanía.
- 10 postos de xamóns, embutidos e salgaduras.
- 5 postos de mobles, produtos de equipamento para o fogar ou artigos de 2ª man.
- 11 postos para téxtil e calzado.

No caso de non cubrirse algún dos apartados, incrementarase o número de licenzas dispoñibles nos casos de máis demanda.

As autorizacións teñen unha duración de cinco anos, prorrogables de forma expresa por outros cinco e as taxas de ocupación alcanzan os 61,05 euros/m2, o que supón ao ano un total de 305,25 euros/m2.

Para a adxudicación de licenzas, que se fará mediante concorrencia competitiva, teranse en conta a profesionalización (é dicir, os anos na actividade), a situación socioeconómica do solicitantes, a formación e a condición de produtores directos.

Todos os postos adxudicaranse por sorteo, agás os relacionados coa preparación de alimentos que se emprazarán conforme a criterios técnicos.

Documentos relacionados



Compartir: