XUNTA DE GOBERNO

O alcalde anuncia a renovación da flota do servizo de transporte urbano con 11 novos autobuses neste ano 2015

27/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández anunciou que o Concello renovará a flota de autobuses do servizo de transporte urbano en 2015. Así, o Goberno local acordou poñer en coñecemento da UTE concesionaria do transporte urbano (TRAPSA-AULUSA) a necesidade de iniciar de inmediato o procedemento de licitación de 11 novos autobuses para incorporar neste ano, nos que se investirán 3.603.380 euros.

Tamén se lle traslada á concesionaria a vontade de municipal de que o contrato sexa licitado polo propio Concello e requíreselle que, no prazo de 5 días hábiles, sinale a fórmula de financiamento do subministro que considere máis axeitada para incluír no prego de cláusulas administrativas que rexerán a licitación.

En palabras de Hernández, "a licitación do subministro destes 11 autobuses por parte do Concello motívase fundamentalmente na procura dunha "maior transparencia do procedemento, que opera como principal ferramenta xurídica para conseguir unha xestión eficiente dos recursos públicos, preservar a regra da igualdade de trato e favorecer o desenvolvemento dunha competencia efectiva".

Esta decisión –indicou o alcalde- foille comunicada no seu día á empresa concesionaria, a UTE Trapsa-Aulusa, para que presentara as alegacións que considerara procedentes. "Esta manifestara a súa oposición a realizar a achega económica para a compra dos vehículos se o procedemento de licitación o realizaba o Concello, entendendo que esa medida supoñía unha modificación contractual e que noutras ocasións a UTE realizara a compra directa dos autobuses", explicou.

O Concello desestima as alegacións entendendo que o material móbil está afecto ao servizo e constitúe un elemento esencial para a execución do contrato, polo que, segundo apuntou o alcalde, "a empresa debe correr co seu custo –como, por outra parte, vén facendo habitualmente- e, no caso de adquirir directamente o material móbil, rexerse pola lexislación de aplicación, que establece un réxime de licitación pública".

"O prego non impide que sexa o Concello o que licite a compra dos autobuses, sen que isto poida prexudicar ao contratista, que recupera o seu investimento a través do contrato e mesmo supón un beneficio, ao non ter que realizar os trámites administrativos que deberá realizar o Concello", aclarou.

Documentos relacionados



Compartir: