NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Normalización Lingüística pon en marcha o III Concurso de Proxectos de Publicidade

26/03/2015 A concelleira de Normalización Lingüística, María Antón, presentou a terceira edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, que pretende ser un incentivo para a galeguización da comunicación entre empresas ou establecementos comerciais e o público, así como servir de recurso para promover a calidade e a creatividade na comunicación.

Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46.4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego cos clientes do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.

En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos coma a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.

Ao mesmo temo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema "Será por palabras. Hai moitísimas maneiras de contalo, amósanos a túa", este concurso procura xuntar estes ingredientes para que se produza unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego.

Poderán participar no concurso os establecementos comerciais e hostaleiros radicados en Compostela e os profesionais da comunicación e a publicidade. Os participantes deberán presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio, polo que deberá existir unha certa colaboración entre os titulares das empresas e os publicistas que elaboren a campaña.

Un xurado, formado pola concelleira de Normalización Lingüística, un representante da Concellería de Economía, tres profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación e un lingüista, valorará a calidade lingüística, o aproveitamento de recursos idiomáticos, a orixinalidade e innovación nos contidos e nos formatos, a precisión na definición do target, a viabilidade técnica e económica e a adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos.

O gañador do concurso recibirá un premio de 5.000 euros que lle permitirá levar á práctica o proxecto. Os interesados teñen ata o día 30 de maio para presentar as súas propostas no Rexistro do Concello.

Para máis información, dende a Concellería de Normalización Lingüística farase chegar a empresas de comunicación e publicidade, ás asociacións de empresarios, hostaleiros e comerciantes a aos diferentes establecementos comerciais, folletos coas bases do concurso. Así mesmo, habilitarase un microsite coas bases e os formularios para a inscrición no concurso, unha conta en Facebook e un spot en Youtube.

Compartir: