CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia inaugura o Festival de Músicas Contemplativas

25/03/2015 A Real Filharmonía de Galicia inaugura este venres, 27 de marzo, o IX Festival de Músicas Contemplativas. Este primeiro concerto celebrarase no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Dirixirá a orquestra o mestre xamaicano Andrew Gourlay. Nesta cita reflectirase a paixón polo Clasicismo a través de Haydn, Beethoven e Brahms. Como contraste e complemento, tamén se escoitará a música do compositor finés Jean Sibelius.

O concerto comezará coa Sinfonía nº 49 "A Paixón", do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). É un dos máximos representantes do período clásico, coñecido como "o pai da sinfonía" debido á súa contribución a este xénero.

De seguido, os músicos ofrecerán ao público a Romanza para violín nº 2 de Beethoven (1770-1827) e Seis humoresques para violín e orquestra de Sibelius (1865-1957). Estas dúas obras estarán interpretadas pola violinista rusa Alina Pogostkina, que toca un violín Sasserno de Antonio Stradivari de 1717, cedido pola Fundación Musical Nipona.

Nacida en San Petersburgo, Alina Pogostkina mudouse a Alemaña, onde recibiu do seu pai as súas primeiras clases de violín e máis tarde estudou na Escola Superior de Música de Berlín. Ten ofrecido concertos por todo o mundo, xunto aos mellores directores e coas orquestras máis prestixiosas. É ademais unha apaixonada intérprete de cámara.

O concerto rematará coas Variacións sobre un tema de Haydn do compositor alemán do Romanticismo Johannes Brahms (1833-1897). Compúxose en 1873 a partir dun tema entón atribuído a Haydn. É a súa primeira obra sinfónica adulta.

Un director novo moi laureado en todo o mundo
Nacido en Xamaica, de ascendencia rusa, o director Andrew Gourlay medrou nas Bahamas, Filipinas, Xapón e Inglaterra. Trombonista e pianista de profesión, gañou unha bolsa de posgrao para estudar dirección no Royal College of Music de Londres. Foi seleccionado pola revista Gramophone como o "One to Watch" e pola BBC Music Magazine como o "Star Rising: grandes artistas do mañá". En 2010 gañou o primeiro premio no Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués, o que lle permitiu participar en concertos con 29 orquestras de todo o mundo. Ademais, foi nomeado para ocupar o posto, durante dous anos, de director asistente na Hallé Orchestra e de director musical na Hallé Youth Orchestra.

Compartir: