ALCALDÍA

O alcalde presentou #ComposGastroBlog e a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega

25/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou os dous eventos que Turismo de Santiago organizará no mes de abril para consolidar a marca Compostela Gastronómica como unha ferramenta para a promoción da cidade como destino gastronómico. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Reyes Leis, e polo director do grupo de cociñeiros e profesionais asesor de Compostela Gastronómica, o cociñeiro Siro González.

Hernández destacou o compromiso do Concello co fomento do turismo gastronómico, que é considerado unha prioridade na promoción turística de Santiago por dúas razóns: "A gastronomía é un dos nosos principais recursos, que engloba a diversos sectores nos que traballan milleiros de persoas: produtores, distribuidores, comerciantes, praceiros, cociñeiros, hoteleiros…; e a gastronomía aumenta o gasto medio dos visitantes e aumenta a fidelización dos turistas".

O alcalde repasou as actividades que se desenvolveron nos últimos meses para o fomento da cidade como destino gastronómico, como a presentación de Compostela Gastronómica a medios especializados en Madrid e a organización da primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega no pasado setembro; a creación da marca Compostela Gastronómica para a promoción da cidade como destino gastronómico; a organización dunha edición especial do Festival no Nadal; ou a presentación da cidade en Fitur, que xirou en torno á gastronomía.

Segundo o rexedor municipal, as actividades que se desenvolverán no mes de abril enmárcanse nesta liña de traballo, que conta coa colaboración de cociñeiros e profesionais do sector que están asesorando a Turismo de Santiago mediante un grupo aberto, que neste ano ten ao cociñeiro Siro González como director. Os dous eventos que a empresa municipal de promoción turística realizará en abril son: #ComposGastroBlog e a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega.

Dous eventos para públicos distintos
#ComposGastroBlog é un novo evento que nace co obxectivo de promocionar a marca Compostela Gastronómica a través das redes sociais e os novos formatos de comunicación en Internet. O evento concíbese como unhas xornadas de Comunicación e Gastronomía, que terán lugar o 9 e 10 de abril no Hostal dos Reis Católicos.

A segunda edición de Compostela Gastronómica: Festival da Cociña Galega celebrarase do 16 ao 21 de abril. Nesta edición amplíase o modelo de evento que se deseñou dende Turismo de Santiago en colaboración co sector profesional da cidade. O evento terá trece tipos de actividades distintas, duplicando case os sete tipos da primeira edición.

Os dous eventos van dirixidos a públicos distintos. #ComposGastroBlog é un evento focalizado en blogueiros e comunicadores en Internet centrados na gastronomía, mentres que o Festival da Cociña Galega vai dirixido aos profesionais da gastronomía pero tamén ao público en xeral. O obxectivo de organizar seguidos os dous eventos é que #ComposGastroBlog sirva de plataforma de promoción en blogs e redes sociais tanto da marca Compostela Gastronómica como do propio Festival da Cociña Galega, que se celebrará unha semana despois.

Compartir: