ALCALDÍA

Entregados os Premios Irmandade do Libro

14/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, xunto coa concelleira de Cultura, María Antón, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu ao acto de entrega dos Premios Irmandade do Libro na súa XXIV edición.

Os XXIV Premios da Irmandade do Libro concedéronse en sete modalidades. Na de Librarías resultou gañadora O Pontillón (Moaña), mentres que na de Centros de Ensino foi premiado o IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa). O galardón ao Fomento da Lectura foi para o programa de televisión Libro sen reservas, de Quique Alvarellos; e o de Autora para Yolanda Castaño. Finalmente, as obras Contos do Mar de Irlanda (Xurxo Souto. Edicións Xerais de Galicia), Xiquixoque, fiú, fiú (Uxía. Editorial Galaxia) e Colección Urco Gótica (Urco Editora), fixéronse cos premios nas categorías de Libro do Ano, Libro Infantil e Xuvenil do Ano e Obra Editorial, respectivamente. Ademais concedeuse un premio de honra, que recaeu na libraría La Región.

O Concello colaborou coa Federación de Librarías de Galicia nesta festa, que volveu a Santiago, o lugar onde se xestou, tras varios anos percorrendo diversas vilas galegas. Os Premios Irmandade do Libro naceron en 1991 coa finalidade de distinguir e homenaxear ás persoas, institucións e colectivos sociais que cada ano desenvolven un traballo de creación, promoción, divulgación e dinamización do libro e da lectura, especialmente en lingua galega.

O acto de entrega destes galardóns, ademais de homenaxear aos gañadores das distintas modalidades, serve como punto de encontro de todos os que, cada ano, amosan o seu apoio incondicional ao libro, á lectura e aos seus axentes.

Compartir: