COMERCIO

O programa Estrea Estilo! celebra a primavera coa presentación das novas coleccións do pequeno comercio da cidade

10/03/2015 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou en rolda de prensa a terceira edición do programa de dinamización comercial Estrea Estilo!. A iniciativa ten como obxectivo presentar, exhibir e vender as novas coleccións primavera-verán do pequeno comercio da cidade nunha xornada lúdica con múltiples atractivos e incentivos para os clientes e visitantes.

O evento obtivo unha importante acollida por parte do público tanto en 2013 como en 2014. Neste ano celebrarase o domingo 10 de maio no Pazo de San Lourenzo, que abrirá de balde os seus espazos interiores e exteriores para a presentación das prendas e produtos de temporada dos comercios participantes.

O acceso a unha praza na iniciativa será de balde para un máximo de 44 comercios de Santiago de Compostela que desexen presentar as súas novas coleccións nun ambiente lúdico e de celebración. A da solicitude de preinscrición online poderá tramitarse ata o domingo 22 de marzo.

A xornada Estrea Estilo! desenvolverase entre as 11:30 e as 20:30 horas e permitirá, ademais de coñecer as novidades de temporada, visitar libremente os xardíns e salóns dunha das localizacións máis fermosas da cidade, así como participar de balde nun atractivo programa de actividades no que destacan: as sesións de beleza exprés e o obradoiro de realización de coroas florais para aqueles que teñan realizado unha compra durante o evento, os concertos, os sorteos, as degustacións, a gardería-ludoteca, e, como novidade nesta edición, tamén o karaoke infantil.

Nesta terceira edición da iniciativa sortearase ademais un cheque agasallo valorado en 200 € entre todos os clientes que realicen compras nos comercios participantes durante todo o mes de abril. Este cheque poderá cambiarse por prendas e produtos durante a xornada Estrea Estilo! o domingo 10 de maio durante todo o horario de apertura do evento.

A participación para os comercios será de balde previa solicitude de praza, establecéndose como categorías prioritarias os sectores téxtil, de calzado, complementos, perfumería, produtos gourmet, panaderías, repostarías e florarías. A confirmación e asignación de espazo realizarase seguindo a orde de inscrición e a representatividade dos distintos sectores, favorecendo así a heteroxeneidade e atractivo da oferta final.

Poderán solicitar a participación neste programa de dinamización comercial tendas físicas situadas no municipio de Santiago de Compostela. A inscrición realizarase a través do formulario online habilitado nesta web a partir deste martes día 10 e ata o domingo 22 de marzo.

Os comercios poderán solicitar toda a información que precisen para valorar a súa participación no evento no correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos 649 610 692 e 606 955 797. Atoparán máis información na web municipal e nos perfís de Estrea Estilo! en Facebook e Twitter.

Direccións relacionadas



Compartir: