ALCALDÍA

O Concello recoñecerá este domingo a traxectoria profesional e humana de Dorinda Pedreira, Esperanza Castro e Ruth Gómez

06/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, fixo públicos os nomes das tres mulleres que serán homenaxeadas polo Concello de Santiago o vindeiro domingo, 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Mundial da Muller: Dorinda Pedreira Santiso, Esperanza Castro García e Ruth Gómez Vázquez.

Dorinda Pedreira Santiso, nada en Vila de Cruces hai cen anos, pasou a maior parte da súa vida en Santiago, onde rexentou unha pensión para estudantes, o que lle permitiu sacar adiante cinco fillos tras quedar viúva aos 47 anos. O alcalde tivo a ocasión de visitala recentemente na súa casa do barrio de Fontiñas, con motivo do seu 100º aniversario.

"Para min representa a tantas mulleres compostelás, heroínas anónimas, que, como ela, souberon dar exemplo de traballo e de esforzo abnegado por sacar adiante á súa familia en tempos moi difíciles", afirmou Agustín Hernández.

Esperanza Castro García naceu na parroquia de Santa Cristina de Fecha e é unha muller emprendedora que a principios dos anos 70, xunto co seu marido, abriu no Ensanche o seu propio negocio, a froitería Entrenaranjos, que continúa a manter o seu espírito familiar e sendo unha referencia no comercio de Santiago.

"Durante todos estes anos de actividade milleiros de clientes de varias xeracións pasaron polo seu negocio", lembrou o alcalde. A finais de 2014, Esperanza xubilouse deixando a froitería a cargo dunha empregada de confianza que traballou con ela estes últimos anos. "Desta forma continua na actualidade o espírito e a forma de levar o negocio iniciada no ano 1972, marcado pola dedicación e o cariño", dixo.

Ruth Gómez Vázquez, nada na rúa Entremuros, é directora dende a súa fundación da Escola Camilo José Cela do Servizo de Pediatría, primeiro do Hospital Xeral de Galicia e agora do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Segundo apuntou o alcalde, "ela ocúpase de ensinar e atender ás nenas e nenos hospitalizados, aportando grandes doses ilusión, sensibilidade e alegría no seu traballo, intentando contaxiar as gañas de vivir aos máis cativos en momentos duros e complicados, e axudando e traballando tamén cos pais".

"Son tres mulleres de distintas xeracións que, a través do seu traballo e da súa traxectoria persoal en diferentes ámbitos representan o mellor da nosa sociedade e, polo tanto, penso que teñen ben merecido este recoñecemento de todos os veciños e veciñas de Santiago de Compostela", explicou.

A entrega destas distincións terá lugar no Concello de Santiago o vindeiro domingo, 8 de marzo, ás 11:30 horas. Posteriormente, na praza do Obradoiro, celebrarase un acto público conmemorativo do Día Internacional da Muller no que se presentará o mural confeccionado a través da campaña Mulleres, todas somos protagonistas, e que contará coa presenza da actriz Nerea Barros.

Compartir: