XUNTA DE GOBERNO

A intervención en Santa Clara completará a reurbanización do ámbito da Almáciga

06/03/2015 O Goberno local aprobou o proxecto para a mellora do acceso a zonas altas da Almáciga no ámbito de Santa Clara. Esta intervención, explicou o alcalde, Agustín Hernández, "dálle continuidade ao proxecto integral para a mellora desta zona norte da cidade, que ten actualmente en execución o tramo entre Basquiños e A Pastoriza, e en licitación o comprendido entre a praza da Paz e Basquiños".

O proxecto ten un orzamento de 744.763 euros e un prazo de execución de 176 días hábiles (uns oito meses). Afecta ao tramo comprendido entre o inicio da rúa dos Basquiños e o cruce da rúa de San Roque con Tras Santa Clara, cunha superficie de actuación duns 3.218 metros cadrados.

Con esta actuación preténdese "a redución da velocidade dos vehículos, coa diminución da calzada actual ata os 6,5 metros e a mellora da accesibilidade e fluidez peonil coa ampliación dos espazos para viandantes", apuntou o rexedor municipal. Nese sentido, recóllese unha modificación puntual do trazado da rúa á altura do convento de Santa Clara para ampliar a beirarrúa e, no tramo máis próximo á rúa do Espírito Santo, eliminarase o desdobre en dúas alturas que ten a actual da beirarrúa.

Tamén se eliminarán escaleiras, tramos de forte pendente e outros atrancos actuais derivados de trazados anteriores; repoñeranse os servizos e renovarase o pavimento da calzada e das beirarrúas. A intervención completarase con novo mobiliario e árbores e cib labores de axardinamento.

"Esta actuación virá a complementar as que xa se están a levar a cabo no ámbito da Álmáciga e permitirán renovar a principal arteria que discorre entre a praza da Paz, en San Caetano, e a rúa de San Roque", explicou.

Documentos relacionados



Compartir: