XUNTA DE GOBERNO

Case 500.000 euros para o novo campo de herba artificial de Conxo

06/03/2015 A Xunta de Goberno iniciou o procedemento para contratar dúas obras que permitirán a reforma integral do campo de fútbol a carón do Psiquiátrico de Conxo. Ademais da súa conversión en campo de herba artificial, contémplanse unha remodelación das redes e servizos. Ambas intervencións supoñen un investimento total de 496.850 euros.

Tal como explicou o alcalde, Agustín Hernández, acordouse a apertura do procedemento de contratación para a obra de conexión exterior de instalacións das redes e servizos do campo de fútbol de Conxo. O proxecto ten un orzamento total de 129.850 euros e un prazo de execución previsto de 1,5 meses.

"As obras oriéntanse a independizar as redes das instalacións exteriores da área deportiva cedida polo Sergas (que se converterá nun campo de herba artificial) e axeitar as instalacións interiores á normativa de calidade, seguridade e salubridade". Con ese fin crearase unha nova rede de saneamento, instalarase unha nova acometida para a rede eléctrica, adaptarase a instalación de auga quente e de electricidade e renovarase a iluminación dos vestiarios.

Ademais, substituirase integramente a iluminación exterior (torres e proxectores) deste futuro campo de fútbol de herba artificial, e cambiarase o peche perimetral do recinto, incluíndo unha rede para atrapar os balóns.

Céspede artificial
Esta remodelación, afirmou Agustín Hernández, completarase con outro proxecto que tamén se sacou a licitación, o da reforma do actual campo de terra para instalar nel céspede artificial. O tipo de licitación é de 367.000 euros e o prazo de execución de dous meses. A financiación é conxunta coa Deputación da Coruña, coa que a finais do ano pasado se asinou un convenio para este fin.

"A actuación recolle a reforma do campo de fútbol de terra e a súa transformación en campo de céspede artificial. Ademais, está prevista a reparación e ampliación das redes de drenaxe existentes e a instalación dun novo sistema de rego", indicou o rexedor municipal.

O terreo de xogo terá unhas dimensións de 63 x 103 metros, aos que se lle suman bandas de dous metros nos laterais e de 2,50 metros de fondo tras as porterías, co que a dimensión final do terreo será de 67 x 108 metros. No novo campo de herba artificial haberá tamén dúas canchas de fútbol 7 de 63 x 42 metros.

Documentos relacionados



Compartir: