ALCALDÍA

Hernández presenta Santiago Suma, un plan de medidas sociais para que "ningunha familia da cidade careza dunha prestación para atender as necesidades básicas"

05/03/2015 O alcalde de Santiago presentou o novo catálogo de recursos sociais para os veciños e veciñas de Santiago, co obxectivo de atender aos colectivos mais vulnerables da nosa cidade. Tal como explicou Agustín Hernández, trátase dunha "estratexia integral de atención dirixida aos colectivos máis desfavorecidos", con recursos e medidas sociais para que "ningunha familia da cidade careza dunha prestación para atender as necesidades básicas".

Este novo plan, dixo, garante non só o acceso a uns ingresos mínimos, senón tamén o acompañamento e o apoio profesional para adquirir novas capacidades e potenciar a responsabilidade individual na procura da superación. Esta nova estratexia plásmase no Programa Santiago Suma de Inclusión Social Activa, e está conformado por catro piares básicos:

• A Renda da Solidariedade: destinada ás familias ou unidades de convivencia que non dispoñan de ingresos suficientes para facer fronte aos gastos básicos.
• Axudas para afrontar situacións de risco ou de emerxencia social, como a manutención ou a vivenda.
• Axudas para a prevención e a inserción social.
• O reforzo da coordinación coas entidades que traballan na cidade en materia de inclusión social.

Itinerario de Inclusión Activa
Estes catro piares, destacou o alcalde, "estarán apuntalados dende a súa base por un programa individualizado para cada un dos beneficiarios destas axudas: o Itinerario de Inclusión Activa. Así, explicou que "o obxectivo non é a permanencia nunha situación de dependencia crónica das prestacións públicas, senón resolver as situacións de vulnerabilidade detectadas por medio da rehabilitación persoal, a estruturación familiar, a prevención de situacións de risco e a motivación e orientación laboral". É por isto que todas as prestacións estarán vinculadas cun itinerario de inclusión activa, "perseguindo tamén a responsabilidade e a implicación individual", dixo.

Sobre este Itinerario, a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, destacou que o marcará o persoal da Concellería de xeito individualizado a cada un dos perceptores, cun conxunto de accións dirixidas á mellora da súa integración persoal, familiar, social e de orientación e formación profesionais. A tal efecto, estase a tramitar a contratación de tres persoas adscritas ao desenvolvemento deste Programa integral.

Renda de Solidariedade
A Renda de Solidariedade será unha axuda periódica de natureza económica dirixida á cobertura de necesidades básicas daquelas unidades de convivencia que non dispoñan de ingresos suficientes. Os límites de ingresos que a Renda poderá completar son os fixados para a RISGA pola Comunidade Autónoma, con contías máximas que van dende os 399,38 euros para unha soa persoa ata os 718,88 para unha familia de sete membros.

A Renda conta ademais cun complemento único de 133,13 euros para gastos de aloxamento, se fose o caso, aluguer ou hipoteca.

Esta é unha Renda de garantía de ingresos, para que ningunha familia de Compostela careza da cobertura básica das súas necesidades, e é compatible coa percepción dalgún tipo de ingreso sempre e cando este non superen o límite establecido para a Renda da Solidariedade. Deste xeito, pode complementar salarios baixos ou mesmo recursos procedentes doutras prestacións sociais. A única incompatibilidade é a RISGA, cuxos beneficiarios si poderán acollerse ás outras axudas do programa, pero non á Renda de Solidariedade.

Axudas para situacións de risco social
Outro eixe do programa son as axudas para afrontar situacións de risco social, destinadas a familias en situación de vulnerabilidade social que presentan dificultades para afrontar algún pago ou gasto básico. O catálogo inclúe axudas para manutención (equivalente ás actuais MAPIs), pero novidades. Así, fronte ao importe único por unidade de convivencia existente ata agora, terase en conta o número de membros que a compoñen e a axuda poderá ir dende os 324,30 euros para unha persoa ata os 454,02 para unha familia de 3 ou máis membros.

O período máximo de concesión era de 6 meses e agora será de 12 meses. A axuda ten un espírito de recurso ponte á espera da resolución doutras prestacións económicas.

Aquí figuran igualmente as axudas por aloxamento, entre as que, por primeira vez, se inclúe a axuda para pago de hipotecas, ademais de aluguer ou pensión, cunha contía máxima a percibir de 194,58 euros ao mes durante 6 meses ao ano.

Tamén se establecen por primeira vez varios tipos de axudas: fianza, axuda para un contrato de nova vivenda ata un máximo de 324,30 euros; débedas subministracións de luz e auga ata un máximo de 291,87 euros; débedas de comunidade ata un máximo de 972,90 euros; débedas acumuladas de aloxamento (aluguer ou hipoteca) ata un máximo de 972,90 euros; e axudas técnicas de promoción de autonomía persoal para aquelas persoas en situación de dependencia ou con discapacidade ata un máximo de 648,60 euros. Finalmente, fíxanse axudas para equipamento básico de vivenda ata un máximo de 648,60 euros.

Axudas de prevención e inserción social
O terceiro eixe do catálogo son as axudas de prevención e inserción social, para o pago de actividades destinadas a fomentar a convivencia comunitaria, a prevención de situacións de risco social no colectivo infanto-xuvenil, ao apoio e fomento da autonomía persoal das persoas en situación de dependencia ou con discapacidade recoñecida e a favorecer proxectos formativos cun fin laboral. O importe máximo será de 64,86 euros/mes.

Haberá igualmente axudas para o pago de comedor escolar ata un máximo de 77,83 euros/mes.

"Todas estas axudas son compatibles entre sí e con outros ingresos da familia beneficiaria sempre e cando non supere o límite de recursos establecido", explicou María Corral.

Subvencións nominativas
Finalmente, o cuarto eixe do programa son as subvencións nominativas a entidades sociais para o desenvolvemento de programas destinados á inclusión social dos colectivos que representan. Neste sentido, a concelleira destacou o importante incremento que estas axudas tiveron nos orzamentos 2015 e outras medidas que porá en marcha o Concello, como a cesión de vivendas a varias entidades para o acollemento de persoas sen fogar en situacións concretas.

Máis efectivas
Segundo Agustín Hernández, con este programa, o Concello de Santiago "quere dar un novo impulso ás súas axudas sociais", cunha estratexia conxunta e coordinada que as faga "máis efectivas, útiles e beneficiosas"

"O Concello, dentro das súas posibilidades, e no marco das súas competencias, vai ter maior capacidade para dar cobertura a situacións graves de pobreza ou de exclusión que non poden ser satisfeitas a través doutras prestacións públicas, tanto de ámbito autonómico como estatal", resaltou.

Máis de 1,5 millóns de euros
Os orzamentos destinados en 2015 a este programa de medidas sociais ascenden a 1.556.000 euros, dos que 600.000 euros corresponden á Renda de Solidariedade, 500.000 euros ás axudas de risco social e inserción e 456.000 euros a convenios con entidades sociais.

"Estamos a falar dun salto non só cuantitativo senón tamén cualitativo, posto que o Concello de Santiago destina ao seu programa social un 86% mais que o pasado ano (833.000 euros), e un 278% mais que ao inicio desta lexislatura, no ano 2011 (411.000 euros)", indicou.

En canto a prazos, dixo, "o obxectivo é poder aprobar a ordenanza no pleno ordinario do mes de marzo e, logo despois, sometela a un período dun mes de información pública. Pretendemos que a ordenanza entre en vigor no mes de xuño, unha vez aprobada definitivamente polo pleno".

Compartir: