PLENO

Declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo)

04/03/2015 Declaración institucional dos Grupos Políticos do Concello de Santiago de Compostela con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Concello de Santiago de Compostela adhírese á Declaración da Federación Española de Municipios e Provincias atendendo así o chamamento que fai a FEMP aos Gobernos Locais do Estado para que se sumen á conmemoración desta xornada coa realización de accións concretas dirixidas ao fomento das políticas de igualdade.

No presente ano 2015 cúmprese o vixésimo aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, que, celebrada en Beijing en 1995, deu lugar á Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing: un programa ambicioso para promover os dereitos da muller a escala mundial.

O proceso de Beijing propiciou unha vontade política e social tendente a fomentar a igualdade en moi diversos ámbitos; entre eles: o acceso á educación e a saúde, a participación das mulleres no mundo laboral e a loita contra a violencia de xénero. Dende entón, lográronse avances moi substanciais. Agora ben, tal e como constata a organización de Nacións Unidas ONU Mulleres no marco da campaña "Beijing+20", "ningún país logrou a igualdade de xénero en todas as dimensións da vida que prevía a Plataforma". A brecha de xénero persiste como síntoma da desigualdade e a violencia contra as mulleres continúa sendo unha eiva a erradicar.

É evidente que queda un longo camiño por percorrer. En consecuencia, á hora de renovar e relanzar os compromisos de Beijing, os Gobernos Locais están chamados a consolidar as políticas públicas que promovan en todos os ámbitos da vida local modelos de igualdade entre mulleres e homes.

Dende a perspectiva dos Gobernos Locais do noso país, esta responsabilidade cabe asumila nunha dobre dirección. Por un lado, é necesario potenciar a participación das mulleres en todos os ámbitos da vida política, económica e social: as políticas activas de emprego destinadas ás mulleres e as actuacións que fomenten a conciliación e a corresponsabilidade resultan fundamentais nesta tarefa. Por outro lado, é esencial promover a cooperación cos Gobernos Locais dos países en desenvolvemento: compartir coñecementos e experiencias en materia de igualdade contribúe a construír sociedades máis libres e xustas.

En coherencia con este chamamento, o Concello de Santiago de Compostela desexa manifestar a súa firme decisión de reforzar as súas actuacións e colaborar con todas as institucións públicas e axentes sociais na tarefa compartida de promover a igualdade real entre homes e mulleres, nomeadamente no que fai a empregos e salarios, dado que a tradicional desigualdade viuse acentuada desde comezos da crise.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2015

Compartir: