CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrecerá tres concertos no Festival Musika-Música de Bilbao

04/03/2015 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participa esta fin de semana no Festival Musika-Música de Bilbao con tres concertos no Palacio Euskalduna. A primeira cita terá lugar o sábado 7, ás 20:30 horas. O domingo 8, a orquestra ofrecerá dúas actuacións, ás 14:00 e ás 19:00 horas.

No concerto do sábado, os músicos interpretarán a Música acuática de Haendel, formada por tres suites. Estreouse no verán de 1717 por petición do rei Jorge I para ser tocada sobre o río Támese. Entón ofreceron o concerto 50 músicos sobre unha barcaza que navegaba preto da embarcación do monarca e dise que este quedou tan impresionado que tivo que interpretarse tres veces durante a viaxe. A obra inclúe tres tipos de danzas da época: a chirimía, unha danza popular inglesa; o rigodón, unha danza francesa orixinaria de Provenza; e a bourrée, tamén francesa.

Dirixirá a orquestra o mestre británico Christopher Bucknall. Formouse no Lincoln College, en Oxford e na Real Academia de Música do Reino Unido, estudando clavicordio e fortepiano.

Primeiro concerto do domingo co oboísta Lucas Macías
A primeira actuación do domingo inclúe dúas obras para óboe que interpretará o prestixioso oboísta onubense Lucas Macías, solista da Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, da Orquestra do Festival de Lucerna e da Orchestra Mozart de Bologna, profesor na Escola de Música de Freiburg (Alemaña) e un dos músicos españois máis recoñecido no ámbito internacional. Tocará o Concerto para óboe de Haendel e o Concerto para óboe d´amore n.º 4 de Bach.

Ademais, a RFG achegará ao público parte da Música acuática de Haendel. E tamén interpretará a Sinfonía da Cantata n.º 174 "Amo ao Todopoderoso con toda a miña alma" de Bach. Compúxoa en 1729 e estreouna ese mesmo ano, baixo a súa dirección. O compositor traballaba como cantor e director de música da igrexa e coro da Escola de Santo Tomás en Leipzig. Como parte das súas funcións tiña que proporcionar a música para a misa dos domingos e dos días de festa. Así, Bach dedicou cinco anos a compoñer cantatas, cunha media de 60 ao ano e un total de 300 obras dunha gran calidade. Reutilizou algunhas destas pezas para crear obras maiores, como esta sinfonía.

Último concerto do domingo co pianista e director Iván Martín
A participación da Real Filharmonía de Galicia no Festival Musika-Música de Bilbao conclúe cun concerto dirixido e interpretado polo pianista canario Iván Martín, que tocará o Concerto para teclado n.º 1 e o Concerto para teclado n.º 5 de Bach. Ademais, a orquestra ofrecerá de novo a Sinfonía da Cantata n.º 174 de Bach.

Nacido en Las Palmas de Gran Canaria (1978), Iván Martín é recoñecido pola crítica e o público como un dos pianistas máis brillantes da súa xeración dentro e fóra das nosas fronteiras. Colabora coa práctica totalidade das orquestras españolas e boa parte das formacións europeas, americanas e doutras partes do mundo; baixo a batuta dos mellores directores. Foi nominado aos XV Premios Nacionais da Música na categoría de mellor intérprete de música clásica.

Compartir: