ECONOMÍA

O Concello e a Cidade da Cultura asinan un convenio para a organización de actividades de desenvolvemento económico

03/03/2015 A concelleira de Economía, Reyes Leis, e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González-Loroño, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración para a programación de actividades conxuntas de fomento do investimento e da cultura emprendedora que se celebrarán ao longo do ano na propia Cidade da Cultura.

A Concellería de Economía celebrará as actividades do Santiago Investors Support 2015 nas instalacións da Cidade da Cultura, preferentemente no edificio do Centro de Emprendemento Creativo. O Santiago Investors Support naceu en novembro de 2011 como un programa paraugas para englobar as diferentes actividades do departamento de economía do Concello destinadas ao fomento do investimento na cidade e da cultura emprendedora.

Neste últimos anos, o Santiago Investors Support tense convertido nun programa de referencia para o tecido emprendedor da cidade, gracias en boa medida a que conta coa colaboración das asociacións empresariais e comercias da cidade, como Asociación de Xoves Empresarios, Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Hostalería de Santiago, Cámara de Comercio, Asociación de Autónomos de Galicia, GDR Terras de Compostela, Compostela Monumental, Santiago Centro, Esperta Conxo, Praza de Abastos de Santiago e Área Central.

Dentro das actividades do Santiago Investors Support previstas para o ano 2015 atópanse dous encontros comerciais que teñen como obxectivos complementarios fortalecer ás empresas locais e axudar aos novos emprendedores que están comezando no desenvolvemento do seu proxecto, facilitando os contactos e o networking, xerando novas oportunidades de negocio e abrindo as portas a novos investimentos.

No ano 2012 aprobouse o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura para o período 2012-2018, co obxectivo de "facer do Gaiás o motor de desenvolvemento socioeconómico baseado na cultura, a innovación e a proxección exterior". Entre as medidas incluídas neste plan, prevese unha liña de actuación de "Prestación integral de apoio ao emprendemento de novas empresas culturais e creativas", motivo polo que a Fundación Cidade da Cultura leva a cabo políticas de fomento da economía galega, como a sinatura deste convenio co Concello de Santiago.

Compartir: