EDUCACIÓN

Aberta a inscrición no Programa Municipal de Conciliación para a Semana Santa

02/03/2015 A concelleira de Educación, Maite Cancelo, presentou o Programa Municipal de Conciliación para a Semana Santa 2015, que se desenvolverá os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril nas instalacións dos CEIP As Fontiñas, Roxos-Villestro e Raíña Fabiola. O prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de marzo.

O Departamento de Educación do concello de Santiago ten previsto a realización dun programa de conciliación laboral e familiar no período das vacacións de Semana Santa 2015 (30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril). Este programa comprende un conxunto de actividades, a desenvolver en instalacións do CEIP das Fontiñas, Roxos-Villestro e Raíña Fabiola, destinadas á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago.

Este programa quere crear un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Poderán participar nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O horario deste campamento de Semana Santa, que combinará actividades lúdicas e deportivas con xogos e obradoiros, será de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, ofrécese a posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

Diferentes modalidades
A previsión de participantes é de 150, a razón de 50 prazas por centro. Os pais poderán elixir entre varias modalidades, segundo os servizos incluídos: completa (madrugadores con almorzo, comedor e actividades), de 7:45 ás 16:00 horas; madrugadores con almorzo e actividades, de 7:45 ás 14:00 horas; comedor e actividades, de 9:00 ás 16:00 horas; e actividades, de 9:00 ás 14:00 horas.

Os solicitantes poderán participar na modalidade completa os catro días (30 e 31 de marzo; 1 e 6 de abril) ou por días soltos. O prezo dependerá da modalidade elixida, custando a modalidade completa, durante os catro días, 67,50 euros.

Haberá un desconto do 20% para quen acredite ser familia numerosa e cando participen dous irmáns no programa. O desconto aplicarase a todos os solicitantes que cumpran ese requisito; é dicir, se participan dous ou máis irmáns nesta oferta o desconto farase a todos os irmáns.

Ademais, ofrecerase un desconto do 50% ou do 100% para aquelas familias con escasos recursos. Estes casos deberán contar obrigatoriamente con informe previo do Departamento Municipal de Servizos Sociais, que ditaminará a porcentaxe de desconto. O desconto do 50% aplicaráselle a cada solicitante, mesmo se son da mesma unidade familiar. Os descontos non son acumulables.

Admisión
As admisións realizaranse por rigoroso orde de entrada no Rexistro municipal ata cubrir as prazas dispoñibles. Non obstante, como as prazas que se convocan están fixadas en base a usuarios estimados, pode darse a casuística de que, nesta ocasión haxa máis demandantes que prazas, polo que de considerarse a posibilidade de atender esas solicitudes excedentes, cumpriría aprobar unha ampliación de orzamento.

Os solicitantes deberán estar empadroados no Concello de Santiago ou estar matriculados nun centro educativo do municipio de Santiago (neste caso deberán achegar certificación expedida polo centro de estudo.

Documentos relacionados



Compartir: