ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "día importante para Santiago e para Galicia" o do inicio da ampliación da autoestrada AP-9

27/02/2015 O alcalde de Santiago asistiu ao acto de inicio das obras de ampliación da capacidade da AP-9 (tramo Santiago norte-Santiago sur e remodelación do enlace de Sigüeiro), presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Comezada esta actuación, Agustín Hernández, amosouse convencido de que a ministra "fará o posible para axilizar os trámites e coordinar estas actuacións en marcha coas xa planificadas, en referencia ao enlace orbital desta autoestrada coa A-54 e coas áreas industriais e á conexión coa Cidade da Cultura.

Para Agustín Hernández, indicou que o este é "un día importante para Santiago e para Galicia", por canto se inicia a ampliación dunha infraestrutura viaria de "extraordinaria importancia", que constitúe a "arteria principal de Galicia". Ademais, tivo palabras de agradecemento para a ministra Ana Pastor polo seu esforzo para mellorar as infraestruturas de Santiago, lembrando non só esta ampliación da AP-9, senón tamén outras infraestruturas, coma o túnel de Conxo, xa en marcha, ou a duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre, en fase de licitación.

O alcalde insistiu na importancia de dúas obras que acompañarán esta ampliación xa iniciada e que están incluídas nos orzamentos do Estado para 2015. Unha delas, en exposición pública, é o enlace orbital que dá solución á conexión da AP-9 e da a autovía A-54 entre si e coas áreas industriais próximas. Será unha alternativa de enlace entre ambas estradas e garantirá a conexión das dúas áreas industriais do Tambre e da Sionlla entre si e co aeroporto.

Esta actuación inclúe a ampliación da capacidade da autoestrada dende o enlace de Santiago Norte ata o novo enlace orbital (nunha lonxitude de 2,5 km), e o vieiro de conexión da AP-9 coa A-54 dende o novo enlace orbital ata o enlace de San Marcos (1 km de lonxitude).

Tamén está presupostado o enlace da Cidade da Cultura coa AP-9, que permitirá o acceso alternativo ás zonas residenciais de Fontiñas e o Sar, e os servizos existentes, conxuntamente coa Cidade da Cultura e o Multiúsos de Sar.

Características técnicas
As obras de ampliación suporán un aumento da capacidade do tronco da vía mediante a construción de novos carrís adxacentes aos actuais. Ademais, na zona do enlace de Santiago Norte construirase tamén un ramal de conexión directo da AP-9 coa autovía Santiago-Lugo (A-54) para os vehículos que se despracen na marxe do sentido Sur-Norte da autoestrada.

Desta forma, nese sentido de circulación a conexión entre a AP-9 e a-54 será directa e con ela evítase que os vehículos que realicen este movemento teñan que saír polo enlace de Santiago Norte, movemento que actualmente provoca parte dos problemas de conxestión do tramo nese sentido de circulación.

A permeabilidade transversal da obra queda garantida coa adaptación dos pasos existentes. Estes elementos son os seguintes:

- 10 pasos inferiores. Dentro dos pasos inferiores, a ampliación máis significativa consiste no marco de formigón que serve como paso no nivel inferior da estrada de San Martiño de Aríns, que conta cun importante tráfico local. Coas obras proxectadas, ampliarase o ancho deste paso inferior para deixar un ancho libre de 15 metros, o cal permitirá nun futuro poder ensanchar esa estrada para mellorar as condicións de seguridade e capacidade desta.

- 11 pasos superiores. A ampliación dos pasos superiores realizarase mediante o retranqueo de pilas cara o exterior, para permitir o paso dos novos carrís ou ben mediante a demolición e construción de novos pasos na mesma localización que os actuais.

Manterase a pasarela metálica en arco nas proximidades do enlace de Santiago Leste, ao non se ver afectada polas obras de ampliación.

Da mesma forma, favorecerase a rede de canles naturais interceptadas pola actuación coa ampliación de 19 obras de drenaxe transversal. Para completar a ampliación, proxectáronse seis muros de sostemento, catro deles de dique e dous de formigón armado, que limitarán a ocupación en planta e servirán de contención dos derramos de terras.

O total de volume de terras que se mobiliza consta de aproximadamente de 800.000 metros cúbicos de desmonte, 180.000 metros cúbicos de terraplén formado polos produtos da escavación e 150.000 metros cúbicos de chans de préstamo para a formación da explanada. As escavacións máis cuantiosas realizaranse no monte do Viso, na marxe Leste da traza.

A actuación máis importante e significativa deste tramo consiste na ampliación do Viaduto de Angrois, de 380 metros de aliñación recta, que coas obras proxectadas pasará a ter cinco carrís por sentido. A ampliación deseñouse mediante novos taboleiros de aceiro laminado e lousa de formigón, solidariamente unidos aos actuais, que se apoiarán en oito vans sobre sendos grupos de sete pilas novas.

Compartir: