ALCALDÍA

O alcalde destaca que están en marcha ou en trámite infraestruturas viarias na cidade por valor de máis de 115 millóns de euros

25/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou na mesa redonda Mellora das conexións terrestres da área compostelá, organizada polo Club Financeiro de Santiago. Durante a mesma, lembrou que o investimento en obras viarias en Santiago de Compostela, en execución, licitación e exposición pública, supera os 115 millóns de euros, "o que representa un grande investimento para a nosa cidade que vai a reverter en mellora da competitividade das nosas empresas e na calidade de vida dos cidadáns, dos residentes e dos que nos visitan, propiciando deste xeito que sexan cada día máis".

Hernández indicou que "non cabe dúbida do esforzo que realiza o Ministerio de Fomento e o empeño posto pola ministra Ana Pastor, co que teñen dado mostras da súa sensibilidade coas necesidades de Compostela e ofrecen unha oportunidade única para resolver de cara ao futuro a mobilidade da nosa cidade".

Entre as actuacións en curso, citou a ampliación da autoestrada AP-9 entre o enlace de Santiago Norte Santiago Sur, cunha lonxitude de 8, quilómetros aproximadamente. "As obras licitáronse en base a un convenio entre AUDASA e o Ministerio, e actualmente atópanse adxudicadas e a piques de iniciarse, indicou o alcalde.

Ademais, están iniciadas as obras do enlace subterráneo de Conxo, cun prazo de execución dun ano e, en fase de licitación, a remodelación da actual ponte de enlace co Polígono do Tambre, para aumentar a súa capacidade, duplicando a estrutura existente sobre a N-550, permitindo así o paso de dous carrís por sentido, e a remodelación dos ramais que conforman a estrutura do actual enlace.

Nos orzamentos do Estado para 2015, dixo, está incluído e en fase de exposición pública o proxecto do enlace orbital que dá solución á conexión da AP-9 e da a autovía A-54 entre si e coas áreas industriais próximas. Constitúe unha alternativa de enlace entre ambas estradas que garante a conexión das dúas áreas industriais do Tambre e da Sionlla entre si e co aeroporto.

Segundo indicou, "a actuación inclúe a ampliación da capacidade da autoestrada dende o enlace de Santiago Norte ata o novo enlace orbital (nunha lonxitude de 2,5 km), e o vial de conexión da AP-9 coa A-54 dende o novo enlace orbital ata o enlace de San Marcos (1 km de lonxitude). A actuación está incluída nos Orzamentos Xerais do Estado con reserva para os próximos anos e inicio neste ano 2015.

Tamén está presupostado o enlace da Cidade da Cultura coa AP-9, que "permitirá o acceso alternativo ás zonas residenciais de Fontiñas e o Sar, e os servizos existentes, conxuntamente coa Cidade da Cultura e o Multiusos de Sar, favorecendo a accesibilidade cando se desenvolvan actividades culturais e deportivas que con frecuencia atraen un numeroso público".

Propostas municipais de obras adicionais
Con todo, explicou, "no escenario actual, cun orzamento comprometido tan importante, dende o Concello propoñemos que, mantendo o investimento previsto, se faga unha reestruturación destas actuacións e que nos dous anos previstos para as obras de AUDASA se leven a cabo obras adicionais".

Entre estas propostas figura a ampliación da capacidade da autoestrada AP-9 ata o novo enlace orbital, así como a execución do Enlace Orbital / AP-9 / A-54 e áreas industriais, completándoa coa conexión do orbital coa estrada N-550 e co polígono do Tambre. "Esta actuación aproveitaría o tramo xa executado pola Xunta de Galicia e cedido ao Concello na urbanización do polígono da Sionlla", apuntou, entendendo que "esta obra debería ser executada totalmente polo Ministerio directamente a través do convenio con AUDASA, por canto enlaza tres estradas de titularidade estatal".

En palabras do alcalde, esta é unha actuación "transcendental", que ten tres funcións fundamentais: a interconexión dos tres viais sinalados (AP-9, A-54 e N-550); a comunicación dos dous polígonos, do Tambre e da Sionlla, situados a ambos lados da estrada N-550; e a saída alternativa á que existe actualmente no polígono do Tambre.

"Tamén se debería executar -dixo- a conexión da autovía A-54 coa N-634 en San Lázaro, que formaría unha circunvalación polo sur de acceso alternativo da AP-9 co periférico, e aos núcleos a San Marcos, Monte do Gozo e San Lázaro. Sería un novo vial de 1,1 km de lonxitude que conectaría a autovía A-54, a estrada N-634 e o vial existente que vai dende o Monte do Gozo ata o periférico en San Lázaro, o que lle dá unha grande importancia estratéxica como alternativa ao xa existente".

Como última obra a executar citou o enlace Sar - Fontiñas e Cidade da Cultura coa AP-9.

"En definitiva, trátase de optimizar as actuacións, de axustalas ás necesidades actuais e futuras de Santiago e de construír un sistema viario que satisfaga a mobilidade e a canalice o tránsito de Compostela cara ao século XXI", concluíu Agustín Hernández.

Compartir: