ALCALDÍA

O obradoiro Ecotur Santiago II permitirá empregar a 45 persoas e crear un centro BTT na antiga escola da Susana

16/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausuraron obradoiro de emprego Ecotur Santiago, que permitiu a 23 alumnos e alumnas formarse e traballar durante seis meses. No acto, ao que tamén asistiu a concelleira de Economía e Emprego, Reyes Leis, e que se celebrou no novo Centro de Interpretación de Villestro -froito do traballo destes alumnos- o alcalde anunciou a solicitude ao departamento autonómico da súa colaboración para por en marcha a segunda edición do obradoiro, neste caso co fin de rehabilitar a antiga escola unitaria da Susana como Centro BTT e de atención a visitantes "Val de Santa Lucía-Marrozos" e de dar traballo a 45 persoas.

O obradoiro de emprego Ecotur Santiago permitiu que 23 persoas tiveran unha dobre oportunidade, a da formación laboral e profesional, e tamén a adquisición de experiencia e habilidades de cara a unha futura inserción no mercado de traballo. Así, rehabilitouse a antiga escola unitaria de Villestro para albergar o Centro de Visitantes "Val de Roxos - Camiño de Fisterra". A finalidade do Centro será a difusión dos valores ambientais e patrimoniais deste enclave do Camiño de Fisterra.

E para dotar ao Centro de Visitantes de instrumentos e medios informativos e divulgativos, a través da especialidade de promoción turística local, elaboráronse recursos e estratexias para promover o turismo rural e poñer en valor o patrimonio natural e cultural da zona de Val de Roxos, a través da creación de itinerarios e material promocional que permita asentar rutas ecoturísticas neste enclave.

Os alumnos e alumnas tamén se formaron na confección e publicación de páxinas web, realizando traballos de deseño e desenvolvemento de ferramentas web, orientados tamén á divulgación do importante patrimonio natural e cultural do Val de Roxos e dos servizos do Centro de Atención ao Visitante do "Val de Roxos - Camiño de Fisterra".

O alcalde trasladou os seus parabéns a alumnos e profesores polo traballo, esforzo e ilusión postos no obradoiro e desexoulles un próspero futuro laboral. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Consellería de Traballo pola súa achega económica (205.000 euros) e de medios materiais e profesionais.

Ecotur Santiago II
O Concello de Santiago quere seguir apoiando no seu termo municipal este tipo de proxectos para promover a ocupación de persoas desempregadas a través da súa cualificación profesional e da adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Por iso, o alcalde anunciou que se vai solicitar a colaboración autonómica para a segunda edición de Ecotur Santiago.

Neste caso – segundo explicou- preténdese dar emprego a 45 persoas a través dunha iniciativa que incentive o desenvolvemento turístico sostible, que axude a desestacionalizar os fluxos turísticos e promova unha actividade deportiva que posibilite o coñecemento do medio natural a través da práctica da bicicleta todo terreo.

Esta iniciativa comprende, por unha parte, a rehabilitación da antiga escola unitaria de Susana como Centro BTT e de atención a visitantes "Val de Santa Lucía-Marrozos". A actuación inclúe a adaptación do edificio coa renovación das instalacións e traballos de illamento e de accesibilidade.

Por outro lado, contempla a elaboración e mantemento de páxinas web do Centro BTT para divulgar os traballos realizados, con información de rutas e sendas, enumeración de valores naturais e históricos, recursos naturais da zona, turismo sostible e entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de promocionar servizos e actividades.

Para levar a cabo este proxecto, o Concello acollerase á orde da Consellería de Traballo e Benestar que regula as axudas e subvencións a obradoiros de emprego para solicitar a correspondente subvención, comprometendo unha achega municipal por un importe total de 50.000 euros en dúas anualidades. A axuda iría destinada a manter este obradoiro durante seis meses -entre setembro de 2015 e febreiro de 2016- coa tripla función de crear emprego, formar traballadores e acometer unha iniciativa de interese para a veciñanza e para a atracción de visitantes.

O programa inclúe a formación en tres especialidades formativas: promoción turística local e información ao visitante, confección e publicación de páxinas web e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. O número de alumnos previsto é de 45 e o orzamento total estimado é de 449.014 euros, que irán destinados na súa maior parte a contratación do persoal directivo, docente, administrativo ou de apoio, así como do alumnado-traballador participante. Os 50.000 euros que achega o Concello destinaranse á adquisición de material, gastos de aluguer de equipos e traballos específicos de electricidade, fontanería ou carpintería.

Direccións relacionadas



Compartir: